O proxecto 'Xornalismo na Escola' co que oColexio Profesional de Xornalistas de Galicia leva dous anos achegando a profesión xornalística ao alumnado de secundaria de todo Galicia ten parada este ano 2018, na súa tercerira edición, en varios centros de Pontevedra e as súas comarcas máis próximas. Poio, Vilaboa, Vilanova de Arousa e O Grove son algunhas das localidades con actividades.
O alumnado do IES de Poio e dun centro de Vilanova de Arousa xa tiveron a oportunidade de gozar desta iniciativa antes das vacacións de Semana Santa e a semana próxima tocaralle a quenda ao CPI Toural de Vilaboa, con obradoiros que impartirá Sara Martínez Fernández este mércores 4 ás 9.30 e as 11.30 horas; e ao IES As Bizocas do Grove, con talleres de Paula Méndez Casais ás 8.30 e as 10.00 horas dle xoves 5 de abril.
No caso do IES de Poio, a xornalista responsable do taller, Sara Martínez, explicou que os obradoiros chegaron a case un centenar de alumnos de terceiro curso de ESO e "manifestaron o seu especial interese no funcionamento dos medios de comunicación, o acceso á información e o especial coidado para detectar bulos e manipulacións informativas".
Segundo indicou a responsable dos talleres, os profesores tamén "se implicaron na necesidade de obter elementos educomunicativos para continuar neste importante labor para os estudantes".
Na demarcación de Pontevedra, os talleres de 'Xornalismo na Escola' impártenos os xornalistas Paula Mendez, Mónica González e Emilio Gómez.
Nestas sesións de 90 minutos de duración, dirixidas a alumnado de Secundaria, os mozos entra en contacto co mundo xornalístico, coñecendo máis de preto o panorama informativo e o funcionamento dos medios de comunicación. O obxectivo principal é trasladarlle ao alumnado saber e ferramentas para ser usuarios formados, críticos e responsables á hora de informarse.
Combinando teoría e práctica, trátanse cuestións como a liberdade de expresión, o dereito á información, os xéneros xornalísticos, a estrutura das noticias, a selección e xerarquización de contidos, as fontes de información, a diferenza entre os medios públicos e privados, a manipulación e a censura, os riscos e oportunidades da era dixital ou a importancia do propio oficio xornalístico.
Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag # XornalismoNaEscola, naceu grazas a un acordo conseguido a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social A Caixa.