En abril reabrirá a piscina municipal de Marín con tres xornadas de portas abertas

Marín
26 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O 1 de abril a instalación abrirá para tarefas administrativas de inscricións e altas, o 3 arrancarán as actividades dirixidas e os días 5, 6 e 7 celebraranse portas abertas. O 8 de abril xa rodará a actividade ordinaria, pendente da adquisición de nova maquinaria para a sala fitness

Centro Deportivo Municipal de San Pedro
Centro Deportivo Municipal de San Pedro / Concello de Marín

O Centro Deportivo Municipal de San Pedro reabrirá as súas portas este mes de abril, unha vez foron rematadas as obras de mantemento e mellora, que supuxeron unha inversión de máis de 600.000 euros para poñer a punto as partes máis degradadas da instalación.

Tal e como explicou o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, a apertura será escalonada para organizar tanto ás persoas xa usuarias como a aquelas que queiran darse de alta. Deste xeito, o luns 1 de abril o centro abrirá as súas portas para estas tarefas, poñendo a disposición da veciñanza os servizos de recepción.

"Tal e como nos traslada a empresa concesionaria, eles xa irán chamando ás persoas usuarias, pero calquera que teña interese poderá pasarse o luns e coñecer máis das actividades que se ofrecen e das propias instalacións", explica o edil. 

O 3 de abril, será a quenda das actividades dirixidas. Pilates, ioga, ximnasia de mantemento, zumba, streching, ciclo indoor e HIT serán as clases que se darán no centro e para as que aínda hai prazas dispoñibles.

En canto á piscina, os días 5, 6 e 7 de abril serán de portas abertas para que todas as persoas que o desexen poidan acudir a nadar e a realizar actividade física no vaso hidráulico.

Finalmente, o día 8 de abril xa abrirá a pleno rendemento o centro, tamén coa apertura do ximnasio, aínda que con menos maquinaria. Tal e como explicou Traba, "algunhas das máquinas estaban moi obsoletas, polo que estamos en proceso de renovación das mesmas. De feito, solicitamos unha subvención á Deputación de Pontevedra para adquisición de nova maquinaria".

O horario de apertura da piscina será de luns a venres, de 07.30 a 13.00 e de 16.15 a 22.30 horas e os sábados e domingos, de 10.00 a 13.00 horas.