En 28 minutos quedaron esgotadas as reservas para realizar as primeiras visitas guiadas ao interior do recinto do convento de Santa Clara, previstas para as fins de semana do mes de febreiro. Rexistrábase, desta forma, unha gran demanda para lograr as 640 prazas que se atopaban dispoñibles para visitar este espazo recentemente adquirido polo Concello de Pontevedra.
A próxima oportunidade para as persoas que non puidesen obter esta reserva será o venres 18 de febreiro. As persoas que realicen a visita durante o mes de febreiro non poderán repetir, para desta forma facilitar que acudan novos visitantes. Para esa nova fase de visitas ofertaranse outras 640 prazas, repartidas ao longo de catro fins de semana de marzo, con catro quendas de visitas cada sábado e cada domingo, segundo informan desde o Concello de Pontevedra. Os grupos serán de vinte persoas para garantir un bo desenvolvemento das visitas e a seguridade dos asistentes e do edificio.
Aínda existe a posibilidade de apuntarse á lista de espera para as visitas de febreiro, segundo fontes municipais. Esta lista só serve para que, no caso de que algunha persoa cancele a reserva xa adxudicada, poida acudir outra persoa seguindo a orde de petición. Figurar nesa lista de espera non permite acceder ás previstas para o mes de marzo. As persoas interesadas en acudir durante o mes de marzo deberán encher o formulario habilitado na web oficial das visitas a Santa Clara.
Xaquín Moreda, concelleiro de Patrimonio Histórico, afirma que a rapidez coa que se esgotan as reservas mostra o interese da cidadanía por Santa Clara. O concelleiro garante que no caso de que continúe o interese se estudará un aumento de visitas en próximos meses para atender esta demanda.