"En 200 días Pontevedra volverá escribir un novo capítulo da súa historia"

Pontevedra
03 de marzo 2023

Pontevedra celebrou este venres que en 200 días acollerá a Gran Final das Series Mundiais de Triatlón, unha cita que pode achegar máis de 10.000 persoas ata a Boa Vila. A Praza de España acolleu este acto oficial de presentación "do que está por vir", o maior evento deportivo de Galicia no ano 2023 e un dos máis importantes do Estado

Acto para celebrar que quedan 200 días para que Pontevedra acolla a Gran Final das Series Mundiais de Triatlón
Acto para celebrar que quedan 200 días para que Pontevedra acolla a Gran Final das Series Mundiais de Triatlón / Mónica Patxot

Pontevedra celebrou este venres que en 200 días volverá escribir un novo capítulo da súa historia como primeira cidade do Estado en acoller a Gran Final das Series Mundiais de Triatlón, unha cita que pode achegar máis de 10.000 persoas ata a Boa Vila.

A Praza de España acolleu este acto oficial de presentación "do que está por vir", o maior evento deportivo de Galicia no ano 2023 e un dos máis importantes do Estado.

A bandeira da Gran Final das Series Mundiais foi izada como símbolo internacional da competición que en setembro converterá a Pontevedra nun escaparate internacional da súa gastronomía, o seu patrimonio e o seu modelo de cidade e organización. Unha cita que o Concello agarda teña "un retorno enorme".

O evento estivo dirixido por Rodrigo Vázquez, xornalista gañador do Mestre Mateo na categoría de mellor comunicador en lingua galega. Comezou ás sete da tarde cunha performance de Pablo Méndez que deu paso a un acto institucional coa participación da Xunta, a Deputación de Pontevedra e o Concello, xa que "este será un evento que beneficiará a todos os galegos". 

Polo escenario da Praza de España tamén concurriron distintas personalidades deportivas como Susana Rodríguez Gacio, actual campioa do mundo de paratriatlón, Natalia Castro Santos, Pablo Dapena ou Mónica Flores Ferreiro.

O alcalde destacou que "hoxe imos izar unha bandeira coa que hai dez anos nin soñaríamos con facelo, pero fomos quen de avanzar como cidade, fomos quen de sermos unha referencia, algo que nos abre portas de cara ao mundo". 

"Queda claro que a Boa Vila non só dá de beber a quen pasa, senón que acolle, coida e anima a ese paseante. Podo asegurarvos que todos os triatletas que correron aquí lémbranse da cidade e, por iso, moitos seguen volvendo", dixo Lores.

"Hoxe celebraremos a idea de seguir medrando e de seguir expectantes polo que está por vir, por seguir sendo unha cidade coa capacidade de acoller eventos deste tipo e mesmo máis grandes, seguir sendo un referente no mundo coa súa mobilidade e accesibilidade, seguir usando as rúas para xogar, camiñar, coñecernos, competir... En definitiva, vivir", afirmou o alcalde no seu discurso.

Logo do acto institucional, chegou o concerto de Tanxugueiras.