O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores informaba este luns da aprobación este luns dunha serie de medidas destinadas a mellorar a recollida, separación e tratamento dos residuos municipais, marcando un novo rumbo cara ao cumprimento das normativas ambientais europeas sobre protección do medio ambiente.
Un dos acordos destacados na Xunta de Goberno foi a aprobación da saída a licitación dun contrato de asistencia técnica para a implantación dun sistema informativo bidireccional sobre residuos comerciais de competencia municipal.
Este proxecto terá unha duración de tres anos e un custo de 321.904 euros para tres anos (arredor da 107.000 euros anuais).
O Concello de Pontevedra tamén publicaba este luns a saída a licitación do novo contrato para a recollida, limpeza viaria e tratamento dos residuos públicos de competencia municipal.
Fernández Lores anunciou que a concesión para a xestión de residuos, cun orzamento total de 256.165.740 euros e unha duración de 20 anos sen prórroga, é o maior contrato da historia do Concello de Pontevedra.
"Falamos dun contrato que representa case 13 millóns de euros anuais, aínda que é posible que haxa algunhas baixas no proceso de licitación", explicou o rexedor.
A licitación, que se publica este luns no Boletín das Comunidades Europeas, abrirá un prazo de 30 días naturais para que as empresas interesadas presenten as súas propostas.
O contrato exclúe o tratamento de residuos a cargo de Sogama, así como a limpeza de edificios municipais e centros escolares, que se xestionan por separado.
DATOS SOBRE XESTIÓN DE RESIDUOS
Ademais do contrato de xestión, a Xunta de Goberno aprobou a licitación dunha asistencia técnica para a implantación e seguimento dun sistema de información bidireccional sobre residuos comerciais e industriais asimilables a municipais.
O prazo de presentación de ofertas ábrese a partir deste luns 30.
“O noso obxectivo é coñecer e controlar mellor o que acontece cos residuos que non proveñen de vivendas, como os xerados en comercios, establecementos de ocio, administracións públicas, hospitais e residencias”, explicou Lores.
"Queremos informar os produtores sobre como deben separar os seus residuos segundo a lexislación vixente, ao tempo que recompilamos datos sobre o volume e tratamento deses residuos", sinalaba o alcalde.
Explicou que actualmente existe unha falta de información sobre a xestión dos residuos comerciais en determinadas entidades como hospitais ou grandes empresas.
"Temos a obriga de sabelo e de trasladar esta información á Xunta de Galicia. Ademais, este seguimento permitirá identificar posibles incumprimentos e orientar cara a unha xestión máis sostible", indicou.
Para desenvolver esta proposta, persoal da empresa concesionaria realizarán visitas obtendo datos e informando sobre os tratamentos precisos. En caso de que haxa reiterados incumprimentos por parte dalgunha entidade esa información será trasladada aos servizos municipais para desenvolver unha inspección.
Con estas dúas iniciativas, o alcalde manifestaba que Pontevedra situábase á vangarda na adaptación ás normativas ambientais europeas e avanza cara a un modelo máis eficiente e responsable de xestión de residuos.
"O 2025 será un ano clave para dar un novo impulso á recollida, separación e tratamento dos residuos municipais, co obxectivo de mellorar as taxas de reciclaxe", afirmou sinalando que actualmente se recicla un 24% dos residuos cando a normativa establece que debe ser un 55%.