Ata o vinveiro 31 de xullo está aberto o prazo para presentar proxectos á segunda edición de In-Teams, un pograma de emprendemento que busca favorecer a creación de equipos e proxectos empresariais que traballen sobre ideas de negocio no Campus Crea da Universidade deVigo.
Este martes, na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, representantes da Universidade de Vigo e da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE-Pontevedra) explicaban en que consiste a convocatoria. Por parte da UVigo, Eva María Lantarón, a vicerreitora do campus de Pontevedra, e José María Cancela, coordinador da Rede Eusumo na UVigo. E por parte da asociación empresarial, María Buceta, a presidenta de AJE-Pontevedra.
In-Teams é un programa de emprendemento que pretende favorecer a creación de equipos que traballarán sobre ideas ou resultados de investigación do Campus Crea para crear proxectos empresariais viables que se constitúan en entidades de economía social. Os participantes poderán compartir coñecementos e habilidades cun equipo multidisciplinar e recibir formación especializada, así como apoio de persoas expertas para axudar a construír un proxecto empresarial viable en espazos de traballo colaborativo.
O plan de empresa de cada equipo de traballo será avaliado polo comité coordinador do programa In-Teams, conformado por representantes da UVigo e AJE-Pontevedra. O premio consistirá en 750 euros para o mellor proxecto presentado na convocatoria 2023 e 500 euros para o segundo mellor proxecto.
As persoas destinatarias deste programa son o alumnado de posgrao, máster ou doutoramento e persoas egresadas, persoal colaborador ou integrado en grupos de investigación, alumnado dos últimos anos de licenciatura ou grao e público en xeral con ideas de emprendemento.
O programa In-Teams estreouse en 2022. Nesa primeira edición, resultou gañador o proxecto Horreum, unha idea de negocio que ten como punto de partida o acondicionamento de contedores para convertelos en albergues accesibles para persoas con mobilidade reducida. Co segundo premio foi recoñecida a proposta Pedaleando contra o Parkinson, da investigadora da Facultade de Fisioterapia Karina Pitombeira, que analizou as posibilidades de negocio dunha liña de investigación do grupo HealthyFit centrada nos beneficios do traballo cun cicloergómetro intelixente en pacientes de Parkinson.