Os empregados públicos saen á rúa para esixir subidas salariais e en defensa de MUFACE

Pontevedra
16 de decembro 2024

Arredor dunhas corenta persoas con bandeiras e pancartas, corearon consignas a ritmo de bombo e chifres desde as doce da mañá e durante preto dunha hora.

Concentración del CSIF
Concentración del CSIF / Pontevedra Viva

Representantes da Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), sindicato máis representativo nas administracións públicas, concentráronse este luns fronte á Subdelegación do Goberno en Pontevedra para reclamar a mellora das condicións laborais e salariais dos empregados públicos e en defensa de MUFACE, a Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado.

Ao redor de corenta persoas con bandeiras e pancartas, corearon consignas a ritmo de bombo e chifres desde as doce da mañá e durante preto dunha hora.

Do mesmo xeito que en Pontevedra, o sindicato mobilízase en toda España para desbloquear a negociación colectiva na Función Pública e que se comece a negociar a mellora das condicións laborais do conxunto dos empregados públicos.

Entre as reivindicacións atópanse negociar un novo acordo salarial, a recuperación da estrutura salarial previa aos recortes de 2010 co cobro íntegro da paga extra, equiparación salarial da Administración Xeral do Estado co resto de administracións, a oferta de emprego público para 2025 sen taxa de reposición e a culminación do proceso de estabilización de prazas interinas a finais deste ano.

Ademais reclaman melloras nas condicións de xubilación e un financiamento axeitado para o Mutualismo Administrativo que permita a súa continuidade.

Tamén denuncian as desigualdades retributivas entre administracións polo que esixiron "a igual traballo, igual salario".

Segundo os representantes sindicais da CSIF, estas mobilizacións prolongaranse no tempo no caso de que o Goberno non atenda as súas esixencias tanto a de sentar a negociar as melloras das condicións laborais dos empregados públicos, como a de garantirlles unha asistencia sanitaria de calidade a través de MUFACE, MUGEJU e ISFAS.

Concentración do CSIF diante ga Subdelegación do Goberno
Concentración do CSIF diante da Subdelegación do Goberno    Pontevedra Viva

O conflito de Muface estoupou despois de que as aseguradoras que actualmente prestan servizos a Muface (Adeslas, Asisa e DKV) non se presentasen á licitación para os anos 2025-2026, quedando deserto este concurso. Segundo argumentaron, a subida das primas proposta polo Goberno (17,12%) é "insuficiente" xa que estiman que debería ser dun 40%.

O convenio actual vence o próximo 31 de xaneiro, e o novo contrato terá unha vixencia de tres anos. O Goberno do Estado ten tres posibilidades: mellorar a oferta ás aseguradoras, prorrogar durante nove meses o concerto actual ou transvasar os mutualistas á Seguridade Social.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, cifrou en 170 millóns de euros o incremento de gasto anual que suporía que o Sergas acollese aos 58.328 mutualistas galegos o que tamén repercutiría nos tempos de espera para as operacións, que se incrementarían en 11,4 días de media e para as consultas con especialistas, ademais de implicar, a súa vez, un incremento de recursos e de persoal.