O edificio da Piolla, na Avenida da Toxa de Raxó, será historia nos próximos días tras 15 anos afeando o litoral do municipio.
As obras para tirar esta estrutura comezaron este luns coa preparación do terreo para a entrada da maquinaria que executará a demolición.
O prazo para concluír a actuación é de mes e medio, aínda que o derrubamento propiamente dito se efectuará nos próximos 15 días, tal e como confirmou o conselleiro de Infraestructuras, Agustín Hernández: "a Xunta vai a facer a demolición e logo despois os gastos se xirarán a promotora, e no caso que non resposte a ese requerimento remitiremos o expediente a Facenda para que arbitre as medidas de cobro que correspondan pola vía executiva".
Durante ese período os traballos provocarán restricións de tráfico puntuais na PO-308: "serán de xeito moi puntual, á entrada e saída dos vehículos co escombro e nos momentos de demolición das zonas máis próximas á estrada".
Luciano Sobral: "Agora é imposible que se poida construír algo nesta parcela"
Ademais do conselleiro, ao lugar achegáronse a directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), o delegado territorial da Xunta e o alcalde de Poio, Luciano Sobral, quen asegurou que non se poderá volver construír na zona: "como no ano 2000 esto se incluiu no plan xeral coma zona verde agora é imposible que se poida construir algo nesta parcela".
Os plans do goberno local pasan, segundo o trasladado polo rexedor, por conseguir a parcela mediante unha expropiación para crear un parque público: "realmente ao Concello de Poio o que lle gustaría é poder conseguir esta parcela para facer un parque público destinado á parroquia, para uso público dos veciños, aínda que será un proceso posterior".
O presuposto só para a demolición da estrutura ascende a 88.535 euros.