Empezan as obras para acondicionar as novas dependencias municipais da rúa Ferreiros

Pontevedra
15 de xullo 2019

Anabel  Gulías anunciou este luns o inicio das obras, que executará a UTE Prace-San Emeterio e teñen un prazo de execución de cinco meses. Considera que se trata dunha actuación "ambiciosa" e "necesaria" para mellorar a xestión dos recursos humanos do Concello e "mellorar a atención ao cidadán" 

Inicio das obras nas novas oficinas municipais da rúa Ferreiros
Inicio das obras nas novas oficinas municipais da rúa Ferreiros / Cristina Saiz

As novas oficinas municipais situadas na rúa Ferreiros están cada vez máis preto de entrar en funcionamento. Este luns empezaron as obras para acondicionar as instalacións, uns traballos valorados en 1,2 millóns de euros que asumirá a Deputación Provincial como froito dun acordo co Concello de Pontevedra.

A portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, anunciou este luns o inicio das obras, que executará a UTE Prace-San Emeterio e teñen un prazo de execución de cinco meses.

O inicio destas obras é un fito importante para o Goberno local, pois, tal e como lembrou Gulías, trátase dunha actuación "ambiciosa" e "necesaria" para mellorar a xestión dos recursos humanos do Concello e "mellorar a atención ao cidadán"

Así, estas novas instalacións acollerán a máis de 70 funcionarios das áreas de Urbanismo (disciplina urbanística, medio ambiente e policía administrativa, oficina técnica de licenzas e inspección, oficina técnica de rehabilitación, servizo de urbanismo, plan e patrimonio) e Tesourería (tesourería, xestión tributaria, contratación tributaria, tributos e inspección), mellorando as súas condicións de traballo. 

Ademais, mellorarán a atención ao cidadán en canto tratarase de instalacións máis modernas, con mellores condicións de accesibilidade e que facilitarán os trámites ao reunir nun só edificio servizos que ata agora estaban repartidos en catro dependencias municipais diferentes en Xofre de Tenorio, Michelena, Churruchaos e o Teatro Principal.

As novas dependencias municipais na rúa Ferreiros teñen unha superficie de 1.328 metros cadrados divididos en dúas plantas: unha de 600 metros cadrados e outra de 728 metros cadrados. 

A remodelación inclúe todos os servizos, domótica, videovixilancia, mobles ou arquivos, así como unha reforma interior pensada para aforrar ata un 50% dos consumos de enerxía habituais nas oficinas deste tipo. De feito, instálase unha celosía de madeira exterior que poida servir para refrescar as oficinas no verán ou manter a calor no inverno. Ademais, adoptaranse estratexias de arquitectura pasiva para conseguir unha cualificación enerxética de proxecto tipo "A", a mellor das posibles.