A Consellería de Sanidade empezará este luns 23 de agosto a inmunización dos menores pontevedreses en etapa escolar fronte á covid-19. En concreto, están citados 5.882 nenos e nenas de 12 e 13 anos.
Estes preto de 6.000 escolares serán a primeiros da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés en empezar o proceso de inmunización, aínda que durante toda a semana citarase no recinto feiral de Pontevedra e o recinto feiral Fexdega de Vilagarcía de Arousa a todos os escolares de 12 a 16 anos, a etapa de ensino secundario obrigatorio.
A previsión é que na primeira xornada, este luns, reciban a primeira dose da vacina de Moderna 4.582 persoas no recinto de Pontevedra e 1.300 en Fexdega. Están convocados en horario de mañá e tarde. Os de maior idade recibirán a vacina o mércores e o xoves.
Os conselleiros de Sanidade, Julio García Comesaña, e Educación, Román Rodríguez, planificaron nos últimos días a vacinación do alumnado de educación secundaria e acordaron que o estudantado de 12 e 13 anos recibirán Moderna e os de 14 a 16, Pfizer.
No caso dos escolares de 12 anos, vacinarase inicialmente, a aquelas persoas que xa cumprisen dita idade, para posteriormente, ir incorporando ao plan de vacinación aquelas persoas que vaian cumprindo os 12 anos nos próximos meses.
Sanidade destacou nos últimos anos que o comezo da vacinación deste grupo de idade garante un inicio de curso aínda máis seguro, dado que para a semana do 13 ao 19 de setembro, na que comezará o curso escolar, todo o alumnado susceptible de recibir a vacina contará coa pauta completa.
No caso dos menores con idades entre 12 e os 15 anos, a característica diferencial deste procedemento, é que se necesitará dun consentimento informado por escrito, asinado polo pai, nai ou titor legal do menor.
Este documento estará dispoñible na páxina web do Servizo Galego de Saúde para descargar. Ademais, deberase entregar no recinto de vacinación, en formato papel, cuberto e asinado. Con todo, este requisito lémbrase na mensaxe de citación, onde se incluirá unha ligazón directa para descargar do documento.