Empeza a conta atrás... Moreira desvelará o 27 de marzo a súa postura sobre ENCE

Pontevedra
16 de marzo 2015

O candidato do PP á Alcaldía e o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, reuníronse con 22 empresarios das asociacións AJE e AEMPE para "achergarnos aos colectivos de Pontevedra" e "pulsar que solucións podemos facer para mellorar a actividade económica e industrial en Pontevedra"

Almorzo de traballo de Jacobo Moreira e Francisco Conde con empresarios de AJE e Aempe
Almorzo de traballo de Jacobo Moreira e Francisco Conde con empresarios de AJE e Aempe / PontevedraViva

O presidente do PP de Pontevedra e candidato á Alcaldía, Jacobo Moreira, segue esfollando a margarida sobre cal será a súa postura sobre o futuro da factoría de Ence en Lourizán. Se hai varias semanas adiantou que faría pública a súa decisión ao longo da segunda quincena do mes de marzo, este luns puxo xa data para o anuncio: o 27 de marzo.

Moreira explicou que aínda ten pendentes unha serie de entrevistas dentro da súa rolda de contactos para pulsar a opinión de colectivos veciñais, culturais, empresariais e sindicais de Pontevedra. Eses encontros estarán finalizados o 27 de marzo e fará público o resultado.

O anuncio realizouno ao inicio dun almorzo de traballo con 22 empresarios das asociacións AJE e AEMPE no que tamén estivo presente o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, o tamén 'popular' Francisco Conde. O responsable autonómico tamén evitou facer pública a súa postura sobre a continuidade da factoría e sinalou que a posición do Goberno galego "terá que ser especificada non seu momento".

Moreira e Conde reúnense con empresarios de AJE e AEMPE para coñecer como mellorar a actividade económica e industrial de Pontevedra

Ese "momento oportuno" producirase cando o Executivo estatal lle reclame un informe non vinculante para tomar unha decisión sobre a prórroga da concesión máis alá do ano 2018. Mentres tanto, Francisco Conde tan só avanza que "a posición deste goberno é defender sempre a actividade económica e defender, ao mesmo tempo, calquera actividade que xere impacto ambiental e que teña unha repercusión".

A reunión á que asistiron ambos os dous políticos figura dentro da rolda de contactos que está a realizar o PP de Pontevedra para "achegarnos aos colectivos de Pontevedra" e "pulsar que solucións podemos facer para mellorar a actividade económica e industrial en Pontevedra", todo co obxectivo de reducir a taxa de desemprego, pois Jacobo Moreira insiste na idea que se converteu xa en eixe da súa carreira cara á Alcaldía: "o principal problema de Pontevedra é o paro".

Ao respecto, recorda que en Pontevedra e a súa comarca a industria tan só representa un 8% da actividade económica, fronte aos dous terzos que supón o sector servizos. Malia que se mostra partidario de manter a actividade de servizos, Moreira recorda que o que xera valor engadido, emprego e riqueza é a actividade industrial e dende o punto de vista municipal o Concello "no está facendo nada, parece que estamos esperando a que os problemas se solucionen sós".

Francisco Conde insistiu en que esta liña de traballo pola que aposta Moreira se chega á Alcaldía despois do 24 de maio coincide coa que mantén a Xunta, que persegue "un obxectivo moi claro", ou de "fixar tecido industrial en Galicia". Para conseguilo, apoian iniciativas de emprendimento, innovación e competitividade e apostan pola internacionalización.