Chegamos a unha nova entrega de "A cociña gourmet en conserva", coa calidade de sempre das Conservas Pescamar e un dos peixes en lata máis exquisitos e demandados: o atún claro.
Esta especie tamén é coñecida polo seu nome en inglés: yellowfin tuna, traducido literalmente como atún de aleta amarela. A súa prezada carne é firme e rosada e de sabor máis suave que outros peixes da súa mesma familia.
Pescamar presenta o atún claro na súa versión máis saudable e saborosa, con aceite de oliva. Deste xeito, combina as propiedades da cociña atlántica coas bondades da dieta mediterránea.
Para preparar estas deliciosas Empanadillas fritas de atún claro Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:
- Masa wonton para empanadillas
- 2 latas de Atún Claro en aceite de oliva Pescamar
- 3 pementos (vermello, verde e amarelo)
- 1 tomate maduro
- 1 cebola
- 1 folla de loureiro
- Condimento de pemento doce
- Viño branco
- Aceite de oliva
Elaboración:
Para preparar o recheo, poñemos nunha tixola un fondo de aceite de oliva e pasamos o tomate maduro, a cebola e os tres pementos cortados en tiras finas. Cando estean a medio facer, engadimos o condimento de pemento doce, a folla de loureiro e un pouco de viño branco.
Retiramos do lume, deixamos arrefriar e incorporamos o Atún Claro en aceite de oliva Pescamar, previamente escorrido e esmigallado.
Enchemos a masa das empanadillas coa mestura do guiso. Dobramos polo medio, de modo que quede a masa pechada en forma dunha semilúa, e selamos os bordos axudándonos dun garfo.
Fritimos as empanadillas en aceite quente e abondoso. Unha vez fritas, escorrémolas con papel de cociña absorbente.
Podemos presentar as empanadillas sobre unha cama de follas de leituga, cóengos ou rúcula. É unha boa opción para un entrante.
En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva", de Conservas Pescamar.