Chegamos a unha nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" cunha receita de empanadillas fritas para a que Conservas Pescamar propón unha conserva de tentáculos de cefalópodos da especie Dosidicus Gigas, coñecida como lura xigante, cunha textura moi agradable ao padal e un sabor potenciado pola preparación na propia lata ao allo cun toque de caiena.
Para preparar estas deliciosas Empanadillas fritas con tentáculos de cefalópodos ao allo Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:
- Masa wonton para empanadillas
- 2 latas de Tentáculos de cefalópodos ao allo Pescamar
- 3 pementos (vermello, verde e amarelo)
- 1 tomate maduro
- 1 cebola
- 1 folla de loureiro
- Condimento de pemento doce
- Viño branco
- Aceite de oliva
Elaboración:
Para preparar o recheo, poñemos nunha tixola un fondo de aceite de oliva e pasamos o tomate maduro, a cebola e os tres pementos cortados en tiras finas. Cando estean a medio facer, engadimos o condimento de pemento doce, a folla de loureiro e un pouco de viño branco.
Retiramos do lume, deixamos arrefriar e incorporamos os Tentáculos de cefalópodos ao allo Pescamar.
Enchemos a masa das empanadillas coa mestura do guiso. Dobramos polo medio, de modo que quede a masa pechada en forma dunha semilúa, e selamos os bordos axudándonos dun garfo.
Fritimos as empanadillas en aceite quente e abondoso. Unha vez fritas, escorrémolas con papel de cociña absorbente.
Podemos presentar as empanadillas sobre unha cama de follas de leituga, cóengos ou rúcula. É unha boa opción para un entrante.
En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva", de Conservas Pescamar.