Chegamos a unha nova entrega de "A cociña gourmet en conserva", coa calidade de sempre de Conservas Pescamar e un dos produtos máis apreciados da gastronomía galega: o polbo.
O polbo ten un alto contido en proteínas de boa calidade, é baixo en graxas e en achega calórica. Ademais, a presentación á galega en aceite de oliva eleva a súa excepcional calidade e sabor.

Para preparar estas deliciosas Empanadillas crocantes de polbo á galega Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:
- Masa wonton para empanadillas
- 2 latas de Polbo á galega en aceite de oliva Pescamar
- 3 pementos (vermello, verde e amarelo)
- 1 tomate maduro
- 1 cebola
- 1 folla de loureiro
- Pemento doce
- Viño branco
- Aceite de oliva
Elaboración:
Para preparar o recheo, poñemos nunha tixola un fondo de aceite de oliva e pasamos o tomate maduro, a cebola e os tres pementos cortados en tiras finas. Cando estean a medio facer, engadimos o pemento doce, a folla de loureiro e un pouco de viño branco.
Cando se consuma o líquido, retiramos do lume e incorporamos as dúas latas de Polbo á galega en aceite de oliva Pescamar, co seu aceite de oliva. Mesturamos todos os ingredientes e reservamos.
Poñemos as pezas de masa sobre unha superficie plana. Ímolas enchendo unha a unha coa mestura que reservamos. A continuación, dobramos polo medio, de modo que quede a masa pechada en forma dunha semilúa, e selamos os bordos axudándonos dun garfo.
Fritimos as empanadillas en aceite quente e moi abundante. Unha vez fritas, escorrémolas con papel de cociña absorbente.
Podemos presentar as empanadillas acompañadas dunha salsa picante vermella ou verde. É unha boa opción para un entrante.
