Empanada de zamburiñas en salsa de vieira Pescamar

Pontevedra
20 de xullo 2024

Nesta nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" imos preparar unha deliciosa empanada que incorpora un dos moluscos máis prezados das nosas rías: a zamburiña

Empanada
Empanada / | Freepik

Chega unha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" cunha proposta de Conservas Pescamar que nos trae os sabores da cociña tradicional e un dos moluscos máis prezados das nosas rías: a zamburiña.

A zamburiña é moi estimada na cociña polo seu sabor e textura. A estas características únense os seus valores nutricionais, entre os que destaca a súa alta achega en proteínas de gran valor biolóxico.

Para preparar unha deliciosa Empanada zamburiñas en salsa de vieira Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:

► Para a masa

- 500 gr. de fariña

- 1/2 dl. de auga

- 1/2 dl. de aceite de oliva virxe extra

- Fermento prensado

- Sal

► Para o recheo

- 2 latas de zamburiñas das rías en salsa de vieira con aceite de oliva

- 10 langostinos

- 1 cebola

- 1 dente de allo

- 1 pemento verde

- 1 pemento vermello

- 2 tomates

- 1 ovo

- Sal

Preparación:

► Masa

Facemos un volcán de fariña sobre unha superficie lisa e poñemos no centro o aceite de oliva, o sal e un pouco de fermento prensado disolto en auga morna.

Traballamos a mestura cos dedos ata obter unha masa homoxénea e, a continuación, deixámola tapada nun lugar temperado uns 20 minutos para que fermente.

► Recheo

Lavamos, pelamos e picamos en dados todos os ingredientes vexetais (cebola, allo, pementos e tomates, previamente escaldados e pelados).

Refogamos no aceite quente a cebola, o allo, os pementos e os tomates. Engadimos os langostinos pelados e cortados en anacos. Sazonamos e deixamos cocer de 10 a 12 minutos ata que se consuma case completamente o líquido da cocción. Reservamos.

► Empanada

Dividimos en dúas a masa e estiramos unha metade con axuda dun rodete con forma cadrada. Colocamos esta masa nunha fonte de forno e dispoñemos enriba unha capa coas hortalizas salteadas e os langostinos que reservaramos. Por riba, repartimos as zamburiñas das rías en salsa de vieira con aceite de oliva e a salsa de vieira en cantidade ao gusto.

Estarricamos de igual maneira o resto da masa e cubrimos ben a empanada. Recortamos os bordos sobrantes e reservámolos.

Unimos ben os bordos e picamos a superficie varias veces con axuda dun garfo.

Aproveitamos os recortes reservados para decorar a superficie e pintamos con ovo batido.

Prequentamos o forno a 180 graos, colocamos a empanada na bandexa central e deixamos uns 45 minutos aproximadamente (dependendo da potencia do forno).

Sacamos a empanada cando a súa superficie estea dourada.

En dúas semanas volvemos cunha nova proposta de "A cociña gourmet en conserva" cos produtos do mar de alta calidade de Conservas Pescamar.