Chega unha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" cunha proposta que combina os sabores de sempre con beneficios para a saúde. Conservas Pescamar tráenos un produto estrela na dieta atlántica: a xouba, que é un recheo ideal para a empanada que imos preparar.
A sardiña é o peixe máis popular dos chamados azuis. A súa graxa de alta calidade axúdanos a reducir os niveis de colesterol e triglicéridos e contribúe ao mantemento da saúde cardiovascular.
Para preparar unha deliciosa Empanada de xoubas en aceite de oliva gourmet Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:
Para a masa da empanada
- 500 gr. de fariña
- 1/2 dl. de auga
- 1/2 dl. de aceite de oliva virxe extra
- Fermento prensado
- Sal
Para o recheo
- 4 latas de xoubas en aceite de oliva gourmet Pescamar
- 1 cebola
- 1 dente de allo
- 1 pemento verde
- 1 pemento vermello
- 2 tomates
- 1 ovo
- Sal
Preparación:
Masa da empanada
Facemos un volcán de fariña sobre unha superficie lisa e poñemos no centro o aceite de oliva, o sal e un pouco de fermento prensado disolto na auga amornada.
Traballamos a mestura cos dedos ata obter unha masa homoxénea e, a continuación, deixámola tapada nun lugar amornado uns 20 minutos para que fermente.
Recheo
Lavamos, pelamos e picamos en dados todos os ingredientes vexetais (cebola, allo, pementos e os tomates, previamente escaldados e pelados).
Refogamos no aceite quente a cebola, o allo, os pementos e, por último, os tomates. Sazonamos e deixamos cocer de 10 a 12 minutos ata que se consuma case completamente o líquido da cocción.
Empanada
Dividimos en dúas a masa e estiramos unha metade con axuda dun rodete con forma cadrada. Colocamos esta masa nunha fonte de forno e dispoñemos enriba unha capa coas hortalizas salteadas e por riba as xoubas en aceite de oliva gourmet Pescamar, ás que previamente retirariamos o aceite da lata.
Estiramos de igual maneira o resto da masa e cubrimos ben a empanada. Recortamos os bordos sobrantes e reservámolos.
Unimos ben os bordos e picamos a superficie varias veces con axuda dun garfo.
Aproveitamos os recortes reservados para decorar a superficie e pintamos con ovo batido.
Enfornamos durante 30 minutos a 190° C ata que quede ben dourada.
Esta empanada de xoubas Pescamar é moi axeitada como entrante, en pequenas porcións, ou ben como prato principal, cheo de nutrientes.
En dúas semanas volvemos cunha nova proposta de "A cociña gourmet en conserva" cos produtos do mar de alta calidade de Conservas Pescamar.