Chega unha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" cunha proposta de Conservas Pescamar que nos trae os sabores da cociña tradicional e un produto moi prezado, tanto polo seu gusto como polas súas cualidades e textura: as luras ao allo.
Desde un punto de vista nutricional, a lura destaca polo seu contido en proteínas de gran calidade, necesarias para manter os músculos sans.
Para preparar unha deliciosa Empanada de luras ao allo Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:
► Para a masa da empanada
- 500 gr. de fariña
- 1/2 dl. de auga
- 1/2 dl. de aceite de oliva virxe extra
- Fermento prensado
- Sal
► Para o recheo
- 4 latas de luras ao allo Pescamar
- 1 cebola
- 1 dente de allo
- 1 pemento verde
- 1 pemento vermello
- 2 tomates
- 1 ovo
- Sal
Preparación:
► Masa da empanada
Facemos un volcán de fariña sobre unha superficie lisa e poñemos no centro o aceite de oliva, o sal e un pouco de fermento prensado disolto na auga amornada.
Traballamos a mestura cos dedos ata obter unha masa homoxénea e, a continuación, deixámola tapada nun lugar amornado uns 20 minutos para que fermente.
► Recheo
Lavamos, pelamos e picamos en dados todos os ingredientes vexetais (cebola, allo, pementos e os tomates, previamente escaldados e pelados).
Refogamos no aceite quente a cebola, o allo, os pementos e, por último, os tomates. Sazonamos e deixamos cocer de 10 a 12 minutos ata que se consuma case completamente o líquido da cocción.
► Empanada
Dividimos en dúas a masa e estiramos unha metade con axuda dun rodete con forma cadrada. Colocamos esta masa nunha fonte de forno e dispoñemos enriba unha capa coas hortalizas salteadas e por riba as luras ao allo Pescamar, acompañadas da cantidade do seu mollo que estimemos, en función de se queremos que sexa máis ou menos zumarenta a empanada.
Estiramos de igual maneira o resto da masa e cubrimos ben a empanada. Recortamos os bordos sobrantes e reservámolos.
Unimos ben os bordos e picamos a superficie varias veces con axuda dun garfo.
Aproveitamos os recortes reservados para decorar a superficie e pintamos con ovo batido.
Enfornamos durante 30 minutos a 190° C ata que quede ben dourada.
Esta empanada de luras ao allo Pescamar é moi axeitada como entrante, en pequenas porcións, ou ben como prato principal, cheo de nutrientes.
En dúas semanas volvemos cunha nova proposta de "A cociña gourmet en conserva" cos produtos do mar de alta calidade de Conservas Pescamar.