Emotivo minuto de silencio en recordo de Magín Froiz: "Era un ser con luz propia"

Pontevedra
11 de marzo 2022

Máis dun centenar de traballadores das oficinas centrais de Froiz gardaron este venres un minuto de silencio en recordo do empresario, ao que lle dedicaron unhas bonitas palabras que provocaron as bágoas de boa parte dos presentes

Emotiva homenaxe dos traballadores de Froiz a Magín Froiz / PontevedraViva

De forma espontánea e cunha gran emoción, máis dun centenar de traballadores das oficinas centrais de Froiz en Lourido deixaron momentaneamente as súas tarefas diarias para reunirse ás portas do complexo para gardar un minuto de silencio en homenaxe ao fundador da empresa, Magín Froiz.

O silencio só o rompían algúns saloucos dos presentes, que aínda seguen consternados por esta irremplazable perda e polas incontables mostras de afecto que chegan constantemente a familiares e achegados deste emprendedor que, a base de traballo, converteuse nun dos empresarios máis queridos e respectados de Galicia.

O improvisado acto continuou coa pronuncia dunhas palabras a cargo dunha das traballadoras da empresa. Lucía Ara, arquitecta que traballa a diario nas oficinas de Lourido, dirixiuse aos seus compañeiros para enxalzar a figura do seu patrón e lembrar xuntos como era o día a día con Magín Froiz.

"Hai xente que nace especial, que vive entre nós, e vén a este mundo coa tarefa de axudar aos demais a ser mellores persoas. Son xente que coa súa enerxía e vitalidade, son capaces de transmitila aos que lle rodean. Son seres con luz propia, son seres que brillan", comezaba o discurso.

"Así era o noso xefe, pura enerxía e vitalidade, sempre activo, sempre preocupándose por nós, sempre aí. Non recordo nin un día, en que non nos dese os bos días, un a un, cun sorriso, co seu saber estar, co seu malo leite ás veces, pero sempre connosco, apoiándonos e ensinándonos. Poñía paixón en todo o que facía, sempre estudando, sempre lendo, sempre tentando superarse, sempre tentado ser, un pouquiño mellor", continuou Ara provocando bágoas e algunha que outro sincero sorriso.

"Detallista, xeneroso, sempre disposto a botarche unha man se a necesitabas, el era un señor. Carismático, arrollador, nunca che deixaba indiferente, pero sobre todas as cousas, traballador. A súa empresa era a súa casa e para el, as súas vacacións, o seu traballo. Era o primeiro en chegar e o último en irse, sempre dando exemplo ata o último día. Sentía autentica paixón polo seu traballo, pola súa empresa, polos seus traballadores, os seus clientes e así cho transmitía", confesou a empregada.

"Botaremos de menos aquelas mensaxes na lousa, escritos da súa propia man, mensaxes cheas de optimismo que che alentaban a mellorar no teu traballo, mensaxes cheas de agarimo e de respecto cara aos seus empregados pero tamén cara aos seus clientes. Eran mensaxes de xenerosidade", sostivo.

"Botaremos de menos a súa presenza, forte, robusta, o seu aspecto serio, a súa mirada intensa e o seu sorriso amable. A súa seguridade, a súa intelixencia e a súa nobreza. Defensor da familia, amante esposo, pai exemplar. A súa familia era o máis importante. E tamén a súa familia de adopción: os seus traballadores, os seus clientes e os seus provedores. Todos formando parte desa gran familia, a familia que el creou, a familia Froiz. Hoxe todos sentimos un pouco orfos, todos temos o corazón un pouquiño máis pequeno", recoñeceu a traballadora.

Rematou Ara as súas palabras confesando que "a súa luz, a súa paixón, a súa forza e sobre todo o seu exemplo seguirá entre nós, seguirá sendo o noso referente e axudaranos a que está gran familia siga crecendo e mellorando cada día, como a el gustáselle. Ata sempre Señor Froiz, ata sempre xefe", rematou.

Unha sonora ovación serviu para poñer o broche de ouro a un emotivo acto no que poucos dos presentes foron capaces de conter as bágoas. Cos ollos vidriosos regresaron aos seus postos de traballo para, como Magín Froiz houbese querido, seguir sempre ao servizo dos seus clientes, algo que está máis que garantido no futuro.