Emilio Froján, o emprendedor de Caldas que montou en plena pandemia a mellor startup do mundo

Umia
08 de decembro 2021

Mellor startup do mundo, mellor marca de motos eléctricas de Europa, marca española de ciclomotores eléctricos con máis matriculacións. Isto é, en tres titulares, Velca, unha marca española de motos eléctricas que revolucionou o mercado con selo pontevedrés, o de Emilio Froján

Emilio Froján, CEO de Velca
Emilio Froján, CEO de Velca / Emilio Froján

Mellor startup do mundo, mellor marca de motos eléctricas de Europa, marca española de ciclomotores eléctricos con máis matriculacións. Isto é, en tres titulares, Velca, unha marca española de motos eléctricas que revolucionou o mercado cun vehículo de batería extraíble e recargable en calquera enchufe doméstico. E que ten selo pontevedrés, o de Emilio Froján, o seu CEO, natural de Caldas de Reis. 

Emilio Froján ten apenas 30 anos e un currículo que faría imaxinar moitos máis. Formouse na Universidade de Santiago de Compostela e desde moi temperá idade tivo moi claro que quería emprender, así que se marcou un itinerario laboral enfocado a logralo. Pasou por tres startups en distintas fases de desenvolvemento ata que se viu preparado e lanzouse a montar unha empresa.

Era febreiro de 2020, ás portas da crise sanitaria global da covid-19, pero non o fixo desistir. Como socios, fichou a Cesar Flores ( COO, director de operacións), Marta Rosell (Directora de vendas), Sergio Adoitar (Director de Deseño), David Cepeda (Director de Operacións) e Jose Campillo ( CMO, director de márketing), todos antigos empregados e logo co fundadores de Velca. 

El é a cara visible da compañía, que na actualidade ten 30 empregados e o seu talento non para de recompilar premios. A principios deste ano, foi elixido pola revista Forbes como un dos 21 mozos ‘ change makers’, os protagonistas do cambio da sociedade que vén.

Xa antes, a empresa fora recoñecida nos Premios Expansión Startup na categoría Movilidad e Smart Cities e desde entón non pararon de chegarlle recoñecementos: a mellor startup de Galicia na Lacon Network, mellor startup do mundo no Congreso Startup Ole e en novembro, mellor marca de motos eléctricas de Europa nos Global Green Business Awards 2021.

Emilio Froján (Caldas de Reis, 1991) representará a España no Startup World Cup en San Francisco en setembro de 2022, poñendo a Galicia no epicentro do emprendemento a nivel mundial. Ademais, este caldense presume de orixe alá onde vai e a súa intención é presentarse no acto cunha bandeira galega.

Esa alma galega de Froján mantense moi viva a pesar dos anos que leva fóra e regresa cada mes a Caldas. Procura aproveitar esas escapadas para acudir a ver os partidos do Pontevedra CF en Pasarón. Esa afección polo equipo da cidade aliméntaa en Madrid, onde está asentado actualmente e é socio da pena Territorio Granate. 

Ademais de presumir de ADN galego, mira polo ben da súa terra e fundou o Instituto Galego do Talento, "a maior organización de Galicia que aglutina o talento migrado", que creou nodos en Nova York, Australia, China ou Arxentina e busca "xerar sinerxias para aquelas persoas que aman Galicia, pero que lamentablemente non podemos estar aquí". 

É habitual que o chamen para impartir charlas e formacións para falar da súa experiencia exitosa e tamén neste aspecto brótalle o orgullo galego. "Decidín só dar formacións presenciais en Galicia porque quero devolver ao ecosistema emprendedor o que me deu", recoñece

"É un orgullo ser galego e ter este recoñecemento", di, presumindo de novo de orixe, e engade que asume esas formacións tamén porque "creo que as universidades non están a formar adecuadamente aos mozos para que poidan emprender de forma exitosa ou, polo menos, reducindo ao máximo o risco".

A clave do éxito? El teno claro: "prepararse moito. Pénsase que isto é unha cuestión de sorte, pero o éxito vén de xente que se rodeou de coñecemento". Ademais, quere deixar claro que "para emprender, hai que ser unha persoa moi agradecida, porque vas necesitar os favores de moita xente e se non vas cunha actitude amable ou de servizo, é difícil que eses favores che cheguen".

Esas formacións falan de mobilidade sostible, de éxito empresarial e tamén de imaxe de marca. E é que Velca levou o Premio Nacional de Marketing, foi finalista nos E- commerce awards e é unha das startups do sector con máis seguidores en redes sociais. É parte da súa estratexia e da clave do seu éxito. 

"Traballamos a marca desde as persoas, desde os valores, desde as paixóns, desde as emocións. Nós non facemos nada sen preguntar á nosa comunidade", resume. Así, segundo explica, sempre que lanzan un novo vehículo fan probas cos seus clientes, con "persoas que apoian a marca". É "unha maneira de traballar que nos gusta porque nos dá a confianza de estar a crear algo que os nosos consumidores necesitan".

O camiño ata aquí non foi fácil. De feito, lanza unha mensaxe a mozas que teñan inquietudes por emprender. "Un só éxito esta formado por millóns de fracasos". E recoñece que os principios da compañía foron "meses moi duros, de moitísima incerteza", pois a pandemia sorprendeunos coa empresa recentemente montada.

"Pero saímos adiante", é a súa mensaxe optimista. A imaxe de marca sobre a que vira a estratexia da empresa levounos a vender motos aínda que non as tivesen fisicamente. "Debuxamos as motos con programas informáticos e a xente estaba disposta a comprala aínda sen vela nin probala, e sabendo que non a terían no medio ano", sinala con orgullo. 

A de Emilio Froján é unha historia de éxito e liderado recoñecida por Forbes, pero que non cambiou o seu día a día. "A xente pensa que a miña vida cambiou, pero non cambiou absolutamente nada, os meus hobbies e os meus hábitos seguen sendo os mesmos, o tempo que paso coa o familia segue sendo o mesmo, o tempo que vou a Galicia segue sendo o mesmo". 

Este mozo caldense no cume do emprendemento, con todo, ía para político. Estudou Ciencias Políticas na Universidade de Santiago porque "cría que a política era a ferramenta principal de xestión do cambio social". Con todo, confesa que "un día deixei de crer iso e empecei a crer que a ferramenta era o emprendemento". No seu caso, ademais, tamén polo produto que puxo no mercado, "nacemos para mellorar a saúde das persoas e a calidade de vida nas cidades"

En todos e cada un dos seus pasos, Galicia está moi presente e encantaríalle ter no horizonte un futuro máis galego, pero ten asumido que é complicado. Nestes momentos teñen dous centros de produción en China e un en España e están a montar un en Polonia para unha nova división da empresa, de bicicletas eléctricas e o seu soño sería poder traballar na súa terra.

"Gustaríame producir en Galicia, dígoo sempre, pero é un investimento moi alto e requirimos de apoio das administracións públicas e de momento ese apoio non chegou. Hai promesas, hai palabras, nada máis", remata.