'Emerxencia vivenda', a campaña de Boa Vida, Cáritas e Manos Unidas para loitar contra a pobreza

Pontevedra
03 de outubro 2023

A campaña, que leva por lema 'Emerxencia vivenda', comezou este martes cunha exposición co mesmo nome con información resumida e clara sobre como a vivenda inflúe na saída da pobreza e a exclusión. Recolle propostas que a EAPN reclama ás administración públicas neste eido

Presentación da campaña 'Emerxencia Vivenda'
Presentación da campaña 'Emerxencia Vivenda' / Boa Vida

Tres organizacións pontevedresas, Boa Vida, Cáritas e Manos Unidas, xuntáronse este ano para poñer en marcha unha campaña con motivo do 17 de outubro, Día Internacional para a Erradicación da Pobreza

A campaña, que leva por lema 'Emerxencia vivenda', comezou este martes cunha exposición co mesmo nome con información resumida e clara sobre como a vivenda inflúe na saída da pobreza e a exclusión.

A exposición recolle propostas que a EAPN (Rede Galega de Loita contra a Pobreza) reclama ás administración públicas neste eido, das que Boa Vida destaca triplicar o parque público de vivenda para alugueiro social, asegurar o acceso á vivenda privada con seguridade xurídica e a prevención do desafiuzamento que asegure o mantemento da vivenda.

A campaña ten catro actividades que responden ao obxectivo de despertar a conciencia da cidadanía en relación á loita contra a pobreza e nesta ocasión a vivenda como eixo fundamental nesta tarefa.

Ademais da exposición, este venres 6 de outubro farán unha actividade de información a pé de rúa. Ás 19.00 horas estarán na praza da Virxe Peregrina para dar información e convidar á cidadanía a asistir á terceira actividade, unha charla na que se exporán as propostas de intervención que as tres organización están implementando na liña de afrontar esta problemática.

A cuarta actividade será unha venda solidaria o sábado día 7 de outubro nas dúas tendas de Boa Vida en Santa Clara e a Seca, que será destinada ao apoio de infraestruturas en Romanía.