Elnosa, máis aló de 2017? A Xunta autorizará a súa continuidade se deixa de usar mercurio

Pontevedra
24 de novembro 2016

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato; e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantiveron sendas xuntanzas con representantes da electroquímica e do seu comité de empresa

Elnosa en Lourizán
Elnosa en Lourizán

Elnosa quere seguir en Pontevedra máis aló de decembro de 2017. Para iso, segundo trasladou á Xunta de Galicia, deixará de empregar mercurio para a produción de cloro. Se cumpre esa esixencia, marcada pola lexislación europea, o goberno abrirá a porta á súa permanencia en Lourizán. 

Este foi un dos principais asuntos que se tratou nas dúas reunións mantidas con representantes da electroquímica e do seu comité de empresa. Nos encontros tomaron parte o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e os titulares de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato; e de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

A Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, confirmou que iniciará o procedemento de revisión da autorización ambiental integrada de Elnosa, tras manifestar a electroquímica a súa intención de adaptarse ás esixencias europeas. 

Xa o pasado mes de setembro, o executivo galego acordou renovar a autorización ambiental da compañía clorera para que, en lugar de agosto de 2017, puidese seguir producindo cloro empregando mercurio ata decembro dese mesmo ano.

Fontes da consellería explicaron a PontevedraViva que, naquel momento, a Xunta non puido ampliar a autorización a Elnosa máis aló desa data polas esixencias marcadas pola Unión Europea. Agora, ao avanzar a electroquímica que cambiará a súa produción para abandonar o mercurio, este permiso ambiental permitiría á empresa seguir en Lourizán a partir de decembro de 2017.

A Xunta tamén comunicará agora ao Concello de Pontevedra o comezo deste novo procedemento de revisión da autorización ambiental.

Co fin de adaptarse aos requirimentos europeos, Elnosa comprometeuse a realizar un importante investimento que permita a produción de cloro-álcali mediante unha tecnoloxía respectuosa co medio ambiente, denominada tecnoloxía de membrana, que substituirá o actual sistema de fabricación, baseado no emprego de celas de mercurio.

A transformación implicará, ademais, a retirada da totalidade do mercurio actualmente existente no complexo fabril de Lourizán.

Pola complexidade técnica e administrativa que require este cambio tecnolóxico, e dado que a actual técnica de fabricación de cloro ten fixada unha data límite, a empresa ten previsto que o proxecto de transformación pase por unha fase intermedia na que unicamente se fabrique hipoclorito sódico, produto que non precisa o emprego de mercurio.

Arquivado en