‘Elixe comercio local’ consolida a aposta da Deputación pola compra de proximidade

Pontevedra
25 de maio 2020

A campaña céntrase nas calidades deste tipo de comercio como son o trato amable, a atención personalizada, a cercanía ou a capacidade de xerar emprego local. O organismo provincial anima á poboación e aos viaxeiros a comprar nos preto de 11.000 pequenos e medianos establecementos das Rías Baixas

Tenda tradicional cesteira
Tenda tradicional cesteira

A campaña ‘Elixe comercio local’ promovida pola Deputación de Pontevedra intensifica a súa presenza en cada comarca da provincia co fin de promocionar os seus establecementos e contribuír á reactivación económica dos negocios de proximidade.

As accións que está levando a cabo o organismo provincial céntranse nas características de cada territorio, mediante creatividades específicas que amosan imaxes representativas de cada unha delas. "Identidade, proximidade, confianza, coñecemento, sustentabilidade e calidade son os eixos nos que se sustenta esta campaña da Deputación que anima á cidadanía non só a apostar polo consumo dos nosos produtos, senón tamén a mercalos directamente nos comercios de cada vila e de cada pobo, amosando a estreita relación entre comercio local e territorio", manifestan desde a organización do proxecto.

‘Elixe comercio local’ é unha campaña que pode verse nas canles institucionais da Deputación e nos medios de comunicación ata o 31 de maio, onde se amosan "as singularidades e características únicas que diferencian ao comercio local das grandes superficies ou comercio online", indica a presidenta provincial, Carmela Silva.

A campaña céntrase nas calidades deste tipo de comercio como son o trato amable, a atención personalizada, a cercanía ou a capacidade de xerar emprego local. Así, a Deputación de Pontevedra anima á poboación e aos viaxeiros a comprar nos preto de 11.000 pequenos e medianos establecementos das Rías Baixas, que constitúen o 36 % dos existentes en Galicia, porque non só van levar bos produtos senón que tamén axudarán a revitalizar a economía do territorio. "O comercio local ofrécenos todo o que necesitamos na nosa vida diaria", expón Carmela Silva, quen engade que o sector constitúe, ademais, "un elemento de proxección turística con alto potencial para captar visitantes".

A Deputación de Pontevedra tamén fai con esta campaña un chamamento á responsabilidade da poboación para que apoie ao comercio local nun momento tan complexo. A institución apela á pertenza á comunidade e ao compromiso de axudar entre todos a saír desta situación de incerteza económica creada polo pandemia do coronavirus.