O Concello de Marín e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas eliminaron nos últimos días un foco de contaminación que chegaba ao río Lameira a través dunha vertedura de augas residuais ao Dominio Público Hidráulico.
Os técnicos do Plan de Control de Vertidos de Augas de Galicia detectaron a vertedura no lugar de A Raña no transcurso dunha inspección realizada en resposta a unha alerta veciñal. Os técnicos deron conta dunha vertedura esbrancuxada cara ao río Lameira.
Tras confirmar que o vertido denunciado correspondía a un rebouse de augas residuais urbanas no entronque á rede de saneamento municipal dunha vivenda particular, notificóuselle ao Concello de Marín para que presentara un plan de actuacións para eliminar a achega de augas residuais.
Tras ter coñecemento da existencia desta vertedura, o Concello realizou as actuacións necesarias para que o propietario da vivenda particular selara a rotura no entronque, quedando así emendada a vertedura contaminante. Tras estas actuacións, os técnicos do Plan de Control de Vertidos confirmaron a eliminación da vertedura.