Eliminan dous punto de vertido ao rego de Fixón e ao río Lameira

Marín
15 de marzo 2014

Augas de Galicia vén de eliminar dous puntos de vertido que afectaban ao rego de Fixón e ao río Lameira, no concello de Marín

Augas de Galicia vén de eliminar dous puntos de vertido que afectaban ao rego de Fixón e ao río Lameira, no concello de Marín.

O primeiro deles foi localizado polo persoal do Plan de Control de Vertidos nun inmoble particular sito no lugar de San Tomé de Piñeiro. Segundo puido comprobar o persoal inspector dependente da Xunta, tratábase de augas residuais procedentes do pozo negro da vivenda e que ían parar directamente ao rego Fixón unha vez superada a súa capacidade. En consecuencia, trasladáronse os feitos a administración local e requiriuse ao particular para que puxese fin aos vertidos contaminantes.

Recentemente, xirouse unha inspección de comprobación na que se verificou que o titular procedeu a conectar as augas grises da vivenda (aseos, lavadora e cociña), cara á rede de saneamento municipal, quedando deste xeito subsanados os vertidos contaminantes cara ao Dominio Público Hidráulico.

RÍO LAMEIRA

O segundo foco contaminante descubriuse durante a derradeira campaña de inspeccións realizada no concello. Os técnicos localizaron un vertido de titularidade municipal procedente do colector xeral de saneamento -cara ao río Lameira- que presentaba unha fisura nunha arqueta do colector e provocaba filtracións cara ao río.

Logo da comunicación por parte do Concello de Marín ao ente público, dando conta da subsanación do vertido, persoal da devandita entidade verificou nunha nova inspección a reparación da fisura detectada.