A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, e en colaboración co Concello de Pontevedra, ven de eliminar un foco contaminante no lugar de O Campiño, que afectaba ao rego do Vao, na cunca do río Lérez.
O persoal do Plan de Control de Vertidos (PCV) detectou nunha inspección previa, un vertido de augas residuais que procedía das instalacións dunha empresa localizada na zona.
Dito vertido era conducido cara á rede de pluviais, onde ía canalizado ao rego do Vao, sendo visible no río Rons, onde desemboca o mencionado rego.
Os técnicos do ente autonómico confirmaron mediante o emprego de trazador que as augas residuais xeradas nas instalacións eran vertidas sen autorización ao rego do Vao canalizado pola zona. En base a isto, en sucesivas inspeccións realizadas, requiriuse ao titular da empresa a eliminación de dito foco contaminante ou, no seu caso, a solicitude da autorización para verter ao Dominio Público Hidraúlico (DPH).
COTOBADE
Recentemente, o persoal autonómico tamén confirmou a emenda de tres puntos de vertido de titularidade municipal que foron localizados durante a revisión da rede fluvial do concello de Cotobade.
A orixe dos focos procedía da rede de saneamento existente no lugar Vilanova, a causa dun atranco na mesma, e dunha fuga de auga residual que acontecía a través do dixestor da fosa séptica de Cutián, que estaba a alterar o sistema.
Os técnicos do PCV, tras tomar mostra dos vertidos e avaliar a súa carga contaminante notificaron ao concello a necesidade das emendas. Como resultado, a administración local procedeu á eliminación dos tres aportes, cumprindo así a normativa de aplicación en materia de vertidos de augas residuais ao Dominio Público Hidraúlico (DPH).