Eliminado un punto de vertedura de augas residuais á rede fluvial en Caldas de Reis

Umia
06 de xaneiro 2025
Actualizado: 10:45

O persoal de Augas de Galicia detectou a incidencia no marco dos seus labores rutineiros de inspección e logrou que os titulares das vivendas emendaran a situación

Regato
Regato / Juan Mejuto

As augas do rego Pedra da Filga baixan máis limpas despois de ser eliminado recentemente un punto de vertedura de augas residuais.

Este rego atópase no concello de Caldas de Reis, concretamente, no lugar de Tivo.

O persoal do Programa de Control de Vertidos, dependente do organismo hidráulico Augas de Galicia, detectou a incidencia.

Foi no transcurso dos labores rutineiros de control que leva a cabo neste concello, no marco da súa campaña de inspección á rede fluvial da Demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

En concreto, os técnicos detectaron a existencia dunha vertedura irregular cara ao rego Pedra da Filga a través dun desaugadoiro de pluviais situado na estrada N-550.

Tras tomar as correspondentes mostraxes e constatar mediante analíticas a presenza de contaminación microbiolóxica, o persoal inspector identificou que na rede de pluviais inspeccionada se estaban a producir dous aportes de augas domésticas.

A incidencia notificouse ao Concello de Caldas de Reis, que procedeu á súa vez a informar aos propietarios das vivendas responsables para que adoptasen as medidas necesarias co fin de reverter a situación.

No marco dunha nova inspección xirada á zona verificouse que se procedera a conectar as augas domésticas cara á rede de saneamento municipal, poñendo fin desta forma ao seu vertido en condicións inadecuadas cara ao rego Pedra da Filga.