Elevan á Valedora do Pobo a reclamación para recuperar a terceira unidade de Infantil no CEIP San Clemente

Umia
17 de setembro 2024

A medida xorde como resposta do Concello de Caldas de Reis ao que considera un "continuo desprezo" da Xunta de Galicia ás demandas da comunidade educativa e do propio goberno local

Protesta no CEIP San Clemente
Protesta no CEIP San Clemente / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis decidiu elevar unha reclamación á Valedora do Pobo, Dolores Fernandez Galiño, para recuperar a terceira unidade de Educación Infantil no CEIP San Clemente.

A medida xorde como resposta ao que o goberno local considera un "continuo desprezo" da Xunta de Galicia ás demandas da comunidade educativa e do propio concello.

Manuel Fariña, tenente de alcalde e concelleiro de Educación, confirmou esta decisión tras un encontro co goberno caldense e representantes das familias.

Fariña afirma que a Xunta está a incumprir a normativa vixente, xa que o número de matrículas existentes no CEIP require tres unidades de Infantil e o profesorado correspondente.

O concelleiro insistiu en que "non valen parches nin aulas en precario" e que a Xunta debe recoñecer o seu erro, especialmente no referente ao alumnado con necesidades especiais.

O goberno local tamén demanda a reapertura da unidade de Infantil e a asignación do persoal docente que establece a lei.

Pola súa banda, o alcalde Juan Manuel Rey fixo un chamamento ás familias para que non abandonen a loita, advertindo que de non garantir un servizo educativo digno no rural, estarase condenando o futuro do CEIP de San Clemente.

IES AQUIS CELENIS

Ademais da situación no San Clemente, o goberno local de Caldas tamén se reuniu coa comunidade educativa do IES Aquis Celenis.

O Concello comprometeu o seu apoio total ás demandas do centro e das familias, que inclúen a incorporación de dous docentes máis e a activación inmediata das obras de reforma con mínima afección ás clases.

O goberno municipal emprazou ás familias a manter unha comunicación máis áxil e continuada sobre as obras de ampliación no IES Aquis Celenis.