Elevan a dez os detidos pola última redada no Vao, todos dun mesmo clan familiar

Poio
14 de marzo 2020

A Garda Civil considera desarticulado un importante punto de venda e distribución de drogas a pequena e mediana escala no poboado do Vao. Algúns dos detidos xa foran condenados por outra operación similar levada a cabo no mes de abril de 2016 

Operación 'Tachuela' no Vao de Arriba
Operación 'Tachuela' no Vao de Arriba /

O operativo contra o tráfico de droga a pequena escala realizado pola Garda Civil no poboado do Vao de Arriba este venres saldouse finalmente coa detención de dez persoas, todos eles integrantes dun clan familiar acusados dun presunto delito contra a saúde pública.

A operación, bautizada 'Tachuela', desenvolveuse durante toda a mañá do venres en coordinación entre a Garda Civil, o Xulgado de Instrución 1 de Pontevedra e a Fiscalía Antidroga de Pontevedra coa participación de preto de medio centenar de efectivos policiais.

Os axentes rexistraron catro vivendas e dous alpendres anexos e incautaron algo máis de 200 doses de distintas drogas, fundamentalmente heroína, cocaína e haxix. 

Ademais, interviñéronse diversos útiles para a confección e distribución de substáncialas estupefacientes, unha báscula de precisión e preto de 7.000 euros en efectivo.

Ademais dos estupefacientes, incautáronse diversas cantidades de xoias, supostamente froito da actividade delituosa, un revolver calibre 32 de lume real con munición, unha pistola detonadora, dúas carabinas de aire comprimido, unha pistola táser e un puño americano e varias armas brancas prohibidas, o que evidencia o perigo potencial dos integrantes deste grupo familiar.

Segundo a información facilitada pola Garda Civil, a rapidez co que se fixo o despregamento operativo permitiu sorprender nun dos rexistros a dous consumidores que esperaban nunha das habitacións da vivenda.

Con esta operación, a Garda Civil considera desarticulado un importante punto de venda e distribución de drogas a pequena e mediana escala no poboado do Vao, que concluíu coa detención dos integrantes desta familia, algúns de cuxos membros xa foran condenados por outra operación similar levada a cabo no mes de abril de 2016.

Seis dos dez detidos quedaron en liberdade en sede policial e o resto pasarán nos próximos días a disposición xudicial. atribúeselles ​un delito contra a saúde pública por dedicarse, supostamente, á venda e distribución de drogas. 

O operativo implicou a axentes da compañía da Garda Civil de Pontevedra, a Unidade de Seguridade Cidadá da  Comandancia (USECIC) e o Servizo Cinológxco, con cans adestrados na detección de drogas e co apoio do helicóptero do Servizo Aéreo da Coruña.