Elena Cartea González, directora da Misión Biolóxica de Galicia, con sede na parroquia pontevedresa de Salcedo, intégrase como vicepresidenta adxunta de Áreas Científico-Técnicas do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), despois de que Eloísa del Pino, nova presidenta da axencia estatal seleccionase ao novo equipo directivo da institución.
Natural de Vigo, a científica forma parte do CSIC desde o ano 2000. Licenciada e doutora en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela completou a súa formación en Xenética de Plantas cun Master of Science in Plant Genetics pola Universidade de Lleida, entre outros estudos de carácter internacional. En 2015 asumía a dirección da Misión Biolóxica de Galicia.
Desde 2008 exerce como investigadora científica e dirixe o grupo de Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas. As súas liñas de investigación céntranse no estudo das interaccións das plantas de brásicas e o seu agrosistema. Nestes estudos analiza a resistencia a situacións de estrés, produción e calidade, dedicando un especial interese ao estudo dos compostos bioactivos glucosinolatos, polo seu potencial anticanceríxeno dentro dos traballos en defensa da planta e a saúde.
Estes proxectos inclúense na sustentabilidade agraria, o cambio global, a conservación da biodiversidade e a obtención de alimentos sans e seguros para a saúde.