As eleccións municipais deste 24 de maio non deixarán cambios, previsiblemente, nas cabezas visibles da comarca do Umia. Juan Manuel Rey (PSOE), Antonio Pena (PP) e Luisa Piñeiro (PP) gañaron as eleccións en Caldas de Reis, Cuntis e Moraña. Os dous primeiros con maiorías simples mentres que a única alcaldesa da comarca referenda a absoluta.
En Caldas, Juan Manuel Rey quedou a tan só un voto do sétimo concelleiro, isto é, da maioría absoluta. O socialista, cuxa candidatura chegou a estar en perigo porque o seu partido non apoiaba que se presentase estando imputado por un delito de malversación, mantívose como partido máis votado no municipio. En número de concelleiros perdeu peso ao baixar de oito a seis, pero ese descenso débese á perda de habitantes no municipio, que motivou que caese o número de representantes da Corporación: pasou de 17 a 13.
O PP segue sendo a segunda forza, pero na xornada electoral do 24M só conseguiu o 26,28% dos votos, moi por debaixo do respaldo cidadán alcanzado hai catro anos, cando alcanzou o 39,41 por cento do respaldo dos cidadáns.
Independentes de Caldas de Reis aumentou o seu respaldo no municipio, pois non só pasou dun a dous concelleiros, senón que aumentou o apoio cidadán, que pasou do 8,21% dos votos hai catro anos ao 13,18% nesta ocasión. O BNG, pola súa banda, mantén o representante que tivo ao longo do último mandato.
En Cuntis, o PP de Antonio Pena repite como forza máis votada, pero sen ampla maioría. Mantén os cinco concelleiros de hai catro anos e obtén unha porcentaxe de votos similar, un 42,78 por cento. Lonxe queda o PSdeG-PSOE cun 24,68 por cento dos votos e tres concelleiros.
Veciñanza de Cuntis irrompe na corporación con dous concelleiros e un 22,36 por cento dos votos e o BNG mantense cunha representación reducida dun só representante.
A que si puido celebrar a súa maioría absoluta é María Luisa Piñeiro, alcaldesa de Moraña. A candidata do Partido Popular mellorou notablemente os seus resultados e obtivo un 49,58% de apoios (1.410 votos), 19 puntos máis que hai catro anos. Iso axudoulle a pasar de catro a seis concelleiros, un por enriba desa maioría.
Haberá menos grupos políticos na nova corporación, xa que só estarán o PSdeG-PSOE que logrou subir de dous a tres edís (23,17% e 659 votos) tras integrar á Alternativa Electoral de Moraña; e o BNG, que mantén os dous que tiña (20,29% e 577 votos). Non repetirá Independentes de Moraña, que perde o seu concelleiro ao logran tan só 171 votos, o 6,01% do total.
MAIORIA DO PP EN CAMPO LAMEIRO E ESCENARIO INCERTO EN PORTAS
A pesar do forte descenso rexistrado, Julio Sayáns seguirá sendo alcalde de Campo Lameiro os próximos catro anos. Logrou que 653 veciños (un 60,74% do total de votantes) avalasen o Partido Popular no municipio. Iso tradúcese en seis edís, tres menos que ata agora. O descenso demográfico fixo que o Concello perdese dous concelleiros -elixíanse só nove este ano- e os tres restantes conseguiunos o PSdeG-PSOE (35,91% e 386 votos), que logrou triplicar o seu anterior resultado.
Por último, co alcalde Roberto Vázquez liderando unha candidatura independente -Veciños Unidos de Portas- formúlase un escenario incerto. O Partido Popular, con Víctor Estévez á cabeza, foi o máis votado co 39,57% dos sufraxios (818 votos), o que lle reportou catro concelleiros. Os mesmos logrou Vázquez, aínda que con menos votos (34,59% e 715 votos). A clave serán os tres edís do BNG, dous máis que agora, grazas aos seus 522 votos, o 25,25% do total.