Eleccións 24M: un 46,34% dos pontevedreses votaron ata as seis da tarde, cinco puntos menos que no 2011

Pontevedra
24 de maio 2015
Actualizado: 18:23

Un 46,34% dos 66.541 pontevedreses chamados este domingo ás urnas exerceron xa o seu dereito ao voto, segundo os datos que fixo públicos ás seis da tarde o Ministerio do Interior. Son máis de cinco puntos menos que hai catro anos

Pontevedreses votando nas eleccións municipais do 24M
Pontevedreses votando nas eleccións municipais do 24M / Diego Torrado

Un 46,34% dos 66.541 pontevedreses chamados este domingo ás urnas exerceron xa o seu dereito ao voto, segundo os datos que fixo públicos ás seis da tarde o Ministerio do Interior. Son máis de cinco puntos menos que hai catro anos.

Continúa así a tendencia que xa se rexistraba ao mediodía. Ata as doce da mañá, pasaran polos colexios electorais un 32,59% dos votantes, case tres puntos menos que nas últimas eleccións municipais.

A tranquilidade está a ser a tónica xeral nesta xornada electoral. As 105 mesas electorais, repartidas tanto pola cidade coma polas quince parroquias do rural, puidéronse constituír sen ningún incidente. En todas elas, púidose empezar a votar á hora prevista, as nove da mañá.

Tan só se rexistraron pequenas incidencias, por exemplo, en Salcedo, onde BNG e PP tiveron que retirar propaganda electoral a petición da presidenta dunha mesa. O mesmo sucedeu nunha mesa do colexio Álvarez Limeses, esta vez con publicidade do PSdeG-PSOE.

Ademais, tanto en Salcedo coma no colexio Campolongo houbo problemas porque os interventores do BNG levaban carpetas co identificativo do partido e houbo queixas do resto de representantes políticos presentes en ambos os dous centros de votación.

Os colexios electorais, onde se aprecia un amplo despregamento policial para asegurar que todo transcorra sen ningún tipo de incidente, seguirán abertos ata as oito da tarde. 

Arquivado en