O BNG queda ás portas da maioría absoluta. Un 43,08% dos pontevedreses (17.050 votos) avalaron a candidatura encabezada por Miguel Anxo Fernández Lores. Son case catro puntos máis que nas eleccións do ano 2011. Con este resultado, os nacionalistas pasan de 11 a 12 concelleiros e logra o mellor resultado da súa historia. Sitúanse como a forza máis votada en Pontevedra, algo que xa conseguiran hai doce anos.
Pola contra, o Partido Popular derrúbase na cidade do presidente do Goberno, Mariano Rajoy. Perde catro representantes, pasando de 11 a 7. A lista encabezada por Jacobo Moreira logra o 27,10% de apoios entre os habitantes de Pontevedra (10.725 votos) e caen doce puntos e case 7.000 votos con respecto ás últimas eleccións municipais.
O PSdeG-PSOE de Agustín Fernández logra manter o resultado de 2011 e repite con 3 concelleiros na corporación municipal. Seus son 4.277 votos, un 10,81% do total. Aínda así, comparado con hai catro anos, déixanse algo máis de dous puntos e preto de 1.600 sufraxios.
O outro gran titular, á parte da clara vitoria do BNG, é a entrada na corporación de dous novos partidos que cambian o mapa político municipal. Trátase de Marea Pontevedra que logra dous concelleiros, tras obter 3.222 votos, un 8,14% do total; e Ciudadanos que, con 2.268 votos (5,73%) logra acta de concelleira para a súa cabeza de lista, María Rey.
As outras tres formacións que se presentaron a estas eleccións quedan fóra do próximo Concello. Tod@s por Pontevedra de María Biempica logrou 723 votos (1,83%), Compromiso por Galicia 324 votos (0,82%) e UPyD pecha a lista con 259 votos (0,65%).