A asociación Irmandade Iila de Tambo acaba de elaborar un proxecto educativo para desenvolver nesta illa e que está inspirado no tesouro do pirata Benito Soto.
Segundo explicou o presidente desde colectivo, Claudio Quintillán, este proxecto elaborouse en colaboración das Concellerías de Turismo e de Promoción Económica do Concello de Poio.
"A illa de Tambo concentra nunha superficie tan reducida unha auténtica fonte da historia da Ría de Pontevedra e a súa contorna, sendo unha caixa de sorpresas", sinalou Quintillán.
Está previsto facer unha proba piloto co alumnado do CEIP de Chancelas que van coñecer o patrimonio da illa de Tambo mentres xogan á procura dun tesouro.
Este mércores Irmandade Illa de Tambo visitou de novo este enclave no medio da ría de Pontevedra acompañando a persoal do Servizo de Patrimonio da Consellería de Cultura da Xunta, a quen se lles solicitou colaboración para proceder á catalogación de novos achados relacionados co patrimonio histórico e cultural, ademais dos visibles nas visitas como o lazareto ou a capela, entre outros.
Do patrimonio arqueolóxico da illa xa se coñecían varios achados illados, como un núcleo de silex nas proximidades do faro, a existencia dun castro nas cotas máis altas da illa, un sartego de pedra, restos de cerámicas e un xacemento na praia de Area dá Illa onde se atopou un muíño navicular.
Ademais, a documentación consultada en varios arquivos e as achegas de varias persoas que realizaran o servizo militar nesa illa antes das plantacións de eucaliptos dos anos 60, permitiron aos membros de Irmandade illa de Tambo atopar unha serie de vestixios "que pensamos van achegar máis información e de calado, sobre o pasado da illa".
Claudio Quintillán sinala que "a Cultura debe ser unha acción básica dos gobernos, priorizando os orzamentos, dando a coñecer á veciñanza o noso patrimonio, xa que resulta frustrante ver as inxentes cantidades que se destinan a grandes festexos de natureza alienante, e a nula atención ao coñecemento da nosa historia, base fundamental para todos e todas e especialmente as novas xeracións, e ese foi a mensaxe que transmitimos nas numerosas visitas guiadas que impulsamos".