A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación celebra dende este luns o I Congreso Internacional sobre Debates Electorais Televisados e Novas Formas de Comunicación Política.
Serán 15 conferencias e mesas de debate e a presentación de preto de 70 comunicacións neste foro que reúne a expertos e profesionais co propósito de pór en común as súas reflexións sobre o presente e futuro dos debates.
A idea tamén é a preparación "dun manual sobre debates electorais en España que sirva de referencia para a súa organización ás televisións, tanto públicas como privadas", explica o profesor Xosé Rúas, presidente do comité organizador.
Con máis de 60 inscritos, o congreso arrincou cunha conferencia do investigador da Northeastern University de Boston Alan Schroeder, quen sinalou que os debates se atopan nunha "encrucillada " definida polo feito de ser tanto eventos que achegan información aos electores como "espectáculos televisivos".
As xornadas de luns e martes reúnen a unha serie de conferenciantes de moito prestixio moi relacionados co tema do congreso, como o presidente emérito da Academia de las Ciencias y las Artes de Televisión (Academia TV), Manuel Campo Vidal; o eurodeputado, ex-ministro e ex-secretario de Organización do PSOE José Blanco ou a ex-secretaria de Estado de Comunicación Carmen Martínez Castro.
O martes outro foro de debate reunirá a representantes da Federación de Organismos de Radio Televisión Autonómicas (Forta) e da Unión de Televisores Comerciales en Abierto (Uteca), á vez que contará cunha mesa sobre a negociación e preparación dun debate, a cargo de Carmen Martínez Castro e José Blanco.
Así mesmo, o programa completarase coas conferencias da subdirectora de Relacións Institucionais e asesora xurídica de RTVE Beatriz Blázquez; do catedrático da Autónoma de Barcelona José Manuel Pérez Tornero e do investigador da Complutense de Madrid José Manuel Robles.