Dúas referencias en cada un dos seus ámbitos de actividade, El Náutico de San Vicente -música- e o cociñeiro Pepe Solla -gastronomía- decidiron aliarse para ofrecer este verán unha oferta que invitará ao público a unha maridaxe perfecta para os días de máis calor.
Así, desde este venres El Náutico contará cunha "zona gastro" na que Pepe Solla ofrecerá algúns dos pratos máis emblemáticos do restaurante La Radio, que ten en Santiago.
"A idea é crear un córner, a modo dunha terminal de La Radio, para que a xente que veña aos concertos ou á praia, poida picotear algo de maneira informal", explica o cociñeiro.
Ese picoteo concrétase nunha oferta de entre seis e oito pratos que se irán renovando. De entrada, o público poderá degustar propostas como unha empanada de pescada, allos porros e cogomelos; ensalada rusa de pescada picante e crema de encurtidos; 'perrito' de papada ibérica con aromáticos; bocadillo de pastrani de lacón; mogote con mole verde ou tacos de costela ibérica.
Pepe Solla será o cociñeiro residente da "zona gastro" do Náutico pero ocasionalmente convidarase a outros cociñeiros, tanto locais como foráneos, para que elaboraren un ou dous pratos de autor que ese día sumaranse á carta.
Ademais, funcionará en modo de servizo delivery. O público deberá coller os seus pratos e levalos despois á mesa na que estean situados ou mesmo á praia. Todos os servizos que se utilicen serán refugables pero sostibles, xa que serán de material 100% compostable.
Durante os meses de xullo e de setembro, a oferta gastronómica de El Náutico estará dispoñible os venres noite e os sábados e domingos, mediodía e noite. No mes de agosto, funcionará todos os días en horario de mediodía e noite.