O sindicato policial SUP condena as manifestacións que "enturban" o bo funcionamento da UFAM

Pontevedra
08 de xaneiro 2025
Actualizado: 19:54

A UFAM, xunto coas policías local e autonómica, protexen a 134 vítimas os 365 días do ano as 24 horas, "sen que en ningún caso e en ningún momento sexan cuestionadas nin queden sen protección"

María Martínez, Roberto González, Alonso Darriba e Sandra Fernández, na sede do SUP en Pontevedra
María Martínez, Roberto González, Alonso Darriba e Sandra Fernández, na sede do SUP en Pontevedra / PontevedraViva

O Sindicato Unificado de Policía (SUP) saíu en defensa da Unidade de Atención á Familia e Muller da Policía Nacional de Pontevedra tras a protesta ante a Comisaría Provincial convocada polo Colectivo Transfeminista Fulanas.

Este colectivo concentrouse o mércores e mostrouse moi critico coa actuación desta unidade especializada, con carteis e consignas criticando o seu traballo como "Agresores nas rúas, e a UFAM...?", "Fun denunciar e mandáronme para a casa", "Nas rúas agrídenme, a policía cuéstioname" ou "Nesta Comisaría cuestiónase as vítimas".

Tras esa protesta, o SUP defende o traballo da UFAM, pon en valor o traballo que realiza na Comisaría Provincial e lamenta que este tipo de manifestacións "enturban" o "bo funcionamento" desta unidade.

O sindicato confía no traballo realizado tanto pola Oficina de Denuncias e Atención ao Cidadán como polos grupos de investigación especializados na resolución dos feitos que denuncia este colectivo, unha suposta agresión sexual na Parda e a actuación dun exhibicionistas que se masturba perseguindo e intimidando a mulleres.

Así, desde o SUP recuedan que no ano 2023 esclarecéronse o 94% dos delitos contra a liberdade sexual.

Ademais, destaca que a UFAM, xunto coas policías local e autonómica, protexe a 134 vítimas de violencia machista os 365 días do ano as 24 horas ao día, "sen que en ningún caso e en ningún momento sexan cuestionadas nin queden sen protección".

Ademais de defender o labor policial, este sindicato lembra que sempre son necesarios máis medios.

Así, sinalan que levan tempo demandando policías de reforzo para Pontevedra e en especial para estas unidades de investigación.