Efectivos da Brilat desinfectan o centro de saúde e a residencia de maiores de Caldas

Umia
26 de marzo 2020

Este venres a Brigada militar estará no centro de saúde e a residencia de maiores de Caldas de Reis. Ademais, o Concello contratou unha empresa específica para que tamén este venres aplique un plan especial de desinfección de espazos públicos

Traballos de desinfección no rural de Caldas de Reis
Traballos de desinfección no rural de Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

Efectivos da Brilat de Pontevedra desprazaranse este venres ata o municipio de Caldas para realizar unha desinfección preventiva no centro de saúde e na residencia de maiores. Esta actuación foi solicitada polo alcalde, Juan Manuel Rey, á subdelegada do Goberno, Maica Larriba. Serán estes militares quen fagan dita desinfección dados os seus coñecementos especializados en desinfección bacteriolóxica.

De igual forma este venres 27 o Concello de Caldas comeza cun plan especial de desinfección de espazos públicos e rúas do centro urbano. Iniciarase a partir das 21 horas ata as 02 da madrugada e correrá a cargo dunha empresa especializada contratada pola administración local a tales efectos. Para que o plan póidase realizar de forma eficiente solicítase a retirada de todos os vehículos estacionados no centro urbano e que se estacionen nos aparcamentos gratuítos da Tafona, Porto do Río ou Pasionistas, entre outros.

Paralelamente nos últimos días os operativos de desinfección con persoal da brigada municipal de obras están a traballar nas zonas rurais. Manuel González, concelleiro desta área sinalou que “é a nosa obriga nunha situación de emerxencia como a actual achegar as medidas de prevención ao noso alcance a todas as partes do municipio centrándonos tamén nas parroquias".

Os operativos levan a cabo nos lugares máis concorridos e por tanto dun posible maior risco, así como illas de contedores e a súa contorna; fontes, proximidades de farmacias e establecementos de alimentación. No que incumbe concretamente aos contedores o Concello está a aplicar unha limpeza especial dos depósitos de residuos sólidos urbanos, que aínda que estaba prevista para abril, adiantouse pola crise sanitaria.

No centro urbano realízanse habitualmente desinfeccións en contornas de comercios, farmacias, bancos e aténdese a diario o mantemento e conservación de bens e servizos municipais.