O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, José Manuel Pinal, participou este mércores na inauguración de Edugal asegurando que se trata de "unha cita obrigada para o alumnado que remata a ESO e se atopa na encrucillada de escoller un FP de grao medio ou o Bacharelato, ou ben que ao finalizar o Bacharelato opta por dar o paso á Universidade ou por un FP de grao superior".
O director xeral de Centros aproveitou para recordar que a Consellería de Cultura e Educación está a apostar por unha Formación Profesional adaptada ás necesidades socioproductivas do tecido empresarial galego e, tamén, pola potenciación da aprendizaxe das linguas e por un bo e eficaz aproveitamento das novas tecnoloxías.
A cuarta edición do Salón de Educación e Formación de Galicia permanecerá aberta ata o próximo venres 27. Este ano, AEMPE, organizadora do evento, apostou decididamente pola oferta en formación e a busca de emprego. Ao mesmo tempo, todos os expositores están a achegar un intenso programa de actividades abertas a todos os asistentes.
Así por exemplo, o Garaxe Hermético, a escola de cómic que dirixe Kiko da Silva, imparte entre outras actividades un curso de guión, o Exército presenta a súa oferta de carreiras militares mentres no posto do lado hai escenificacións teatrais a cargo da Escola de Arte Dramática, e simultáneamente desenvólvense talleres de coaching, de técnicas de estudo ou de comunicación non verbal en entrevistas laborais, asi como con charlas e coloquios sobre prevención de consumo de drogas ou sobre o programa Erasmus Plus, todo iso a cargo do Gabinete Multidisciplinar Orienta.
O horario do Salón será de 10 a 13.30 horas e de 16 a 19.30 horas e a entrada é gratuíta
Distintas facultades da Universidade de Vigo ofrecen saídas laborais, Aempe pola súa banda presentou e-habilis, unha plataforma corporativa on line que ofrece múltiples ferramentas e empresarios como cursos para traballadores, bases de datos, entre outros.
Tamén a Asociación Juan XXIII de Pontevedra volve participar cun posto no que dá a coñecer as diferentes ofertas educativas, formativas e de promoción laboral que xestiona e ofrece, para persoas con minusvalidez intelectual. E, por outro lado, quere mostrar todas aquelas saídas formativas especializadas para aqueles novos estudantes da comunidade que queiran labrarse un futuro laboral encamiñado á atención deste colectivo.
As autoridades políticas sinalaron ao salón Edugal como unha referencia no sector da educación e a formación.
O horario do Salón será de 10 a 13.30 horas e de 16 a 19.30 horas e a entrada é gratuíta.