Edugal, o Salón da oferta de educación e formación de Galicia, acolleu este venres unha charla sobre o Emprego Intelixente (EMi) ou como é o uso da intelixencia artificial aplicada á busca de emprego.
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou neste encontro e expuxo que este software é pioneiro en Europa e ten como fin casar oferta e demanda no mercado laboral e atender ás persoas que están buscando activamente traballo ou mellorar o seu emprego actual.
Esta ferramenta está dispoñible nas 54 oficinas de emprego de Galicia.
Especificou que este software permitirá realizar o perfilado competencial de ata 70.000 persoas nun ano, o que facilitará a súa empregabilidade e abordar a escaseza de man de obra.
Tamén se referiu á aposta do goberno galego polas microformacións para atender as necesidades das empresas galegas e favorecer a súa competitividade e ao programa de atracción de talento
En Edugal a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración conta cun posto no que se ofreceron charlas sobre como elaborar un currículum vítae ou sobre como preparar unha entrevista de traballo, ademais de prestarse información sobre a ferramenta EMi ou sobre a Rede de polos de emprendemento.