Educación nega a redución de docentes no IES de Poio pola que dimitiu o equipo directivo: "Creo que se actuou dun xeito precipitado"

Poio
02 de agosto 2024

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, respondeu este venres á polémica: "O que está claro que vai haber os profesores que ten que haber. Só cambia o sistema da asignación". Insiste en que respecta a decisión dos dimisionarios, pero quero deixarlles claro que "van ter os mesmos profesores"

Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP
Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP / Mónica Patxot

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, respondeu este venres á polémica xurdida nos últimos días en Poio, onde se produciu a dimisión en bloque do equipo directivo do instituto por "constantes agravios" por parte da Consellería.

A "gota que colmou o vaso" para o equipo directivo foi coñecer que terían dous docentes menos para este curso 2024-2025 no Ciclo Medio de Guía do medio natural e de tempo libre, pero tanto o conselleiro como o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, negárono. 

"Creo que se actuou quizá dun xeito precipitado, pero o que está claro que vai haber os profesores que ten que haber. Só cambia o sistema da asignación", asegurou o conselleiro. Insiste en que respecta a decisión dos dimisionarios, pero quero deixarlles claro que "van ter os mesmos profesores".

O conselleiro fala de "discrepancia técnica sobre o procedemento da asignación do profesorado" e o xefe territorial aclara que o curso pasado había 48 docentes e este curso vai haber outros 48, 37 xa definitivos e 11 de cupo. Son, insiste, "os mesmos que tiñan o ano pasado", só que o ano pasado tiñan dous en comisión de servizos e o vindeiro curso eses dous estarán incluídos neses 11. 

Outra das queixas do equipo directivo é a "incerteza" na asignación de fondos. Piden máis orzamento para estes estudos dado que conta con módulos específicos que teñen que impartirse fóra das instalacións do centro educativo. Non contan con instalacións para impartir materias como equitación, natación, socorrismo, paddle, ou piragüismo, polo que deben recorrer ao alugueiro de instalacións externas.

Ante esa crítica, o conselleiro sinalou que "aquí todos somos responsables dos nosos actos e obviamente os recursos económicos chegan no seu momento, quen ten que administrar eses recursos é o centro educativo e hai que administrar ingresos e gastos". Sinala que "hai moi pouco tempo" transferíronlle dúas partidas económicas "significativas e importantes" e a partir de aí, "quen ten que organizar internamente o centro, porque é a súa responsabilidade, é o equipo directivo".

Desde o equipo directivo apuntan que este mércores recibiron unha notificación de ingreso por valor de case 14.000 euros que deben ser usados para pagar as instalacións do primeiro trimestre, pero continúan coa "incerteza" de se se poderá asumir o custo dos dous restantes.

 César Pérez Ares considera que neste instituto "hai que retomarse os convenios que están establecidos" con algunhas entidades para pagar eses "custos bestiais" que supón ese ciclo en particular. Así, por exemplo, sinala que hai que pagar 24.000 euros por hípica. "Me parece que pode ser retomable esta situación", engade.