A Consellería de Educación e a Federación Galega de Asociacións de Persoas con TDAH (Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade), colaborarán no desenvolvemento de accións e actividadesdirixidas á mellora da atención educativa ao alumnado.
Así se reflicte no convenio de colaboración asinado este mércores entre o conselleiro, Román Rodríguez, e a presidenta desta federación, Montserrat Álvarez Rodríguez, que ten como finalidade sumar esforzos tanto no que se refire á atención aos alumnos con esta problemática coma no eido de formación do profesorado e do asesoramento e atención ás familias de rapaces con TDAH.
Ambas institucións tamén colaborarán na sensibilización e na difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecemento das circunstancias asociadas ao TDAH no eido educativo.
Para tal fin, a consellería facilitará que os profesionais da federación poñan os seus coñecementos a disposición dos centros docentes. É dicir, que presten asesoramento na atención educativa dos alumnos con Trastorno por Déficit de Atención, que orienten sobre metodoloxías axeitas no caso destes alumnos, e sobre as adaptacións curriculares que se estimen necesarias.
Non obstante, tendo en conta a autonomía pedagóxica, organizativa e de xestión dos centros docentes, será a dirección do centro, o persoal especializado da federación e as familias de alumnado con TDAH quen establezan os termos específicos de colaboración para cada centro concreto. Deste xeito, o profesorado titor (ou o que designe a dirección do centro) será o responsable de coordinar as posibles actuacións concretas das persoas especialistas da federación en cada un dos casos, así como de manter informada a cada unha das familias.
Por tanto, tal como se especifica no convenio, a actuación dos profesionais da federación nos centros docentes estarán baseados no principio do colaboración entre todas as persoasque atenden a un mesmo alumno. Trátase, deste modo, de facilitarlle unha atención educativa inclusiva e axustada á súa particular forma de ser e de aprender.