Unha representación do Concello de Ponferrada visitou este venres pola mañá a cidade de Pontevedra co fin de comprobar os avances en materia de mobilidade e recuperación de espazo público realizados ao longo dos últimos vinte anos.
Os visitantes, pertencentes ao grupo municipal Coalición por El Bierzo e encabezados por Iván Alonso, quixeron coñecer o modelo urbano en profundidade, polo que primeiro recibiron unha exposición técnica da man do director xeral de Protección Cidadá do Concello de Pontevedra, Daniel Macenlle, para logo percorrer a cidade acompañados do edil de Mobilidade, Demetrio Gómez.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu a comitiva tanto no Concello como ao final do seu percorrido polas rúas da Boa Vila, lembrando que esta atracción e interese pola cidade vén a través do obxectivo de continuar "a construír unha cidade pensada para as persoas, algo para o que levamos máis de 20 anos tomando decisións que loiten contra o cambio climático, o tráfico excesivo e melloren a calidade de vida".
Pola súa banda, Iván Alonso destacou a enorme cantidade de xente que se podía ver na rúa mesmo un día laboral. "É algo que se pode palpar, a alegría da xente e o orgullo que lles provoca a cidade, parece un día festivo pero é un día normal", comentou.
"Prestaríame que Ponferrada fose así, unha Ponferrada orgullosa que recupera o protagonismo da xente das rúas. Só podemos dar as grazas polo trato recibido e polas ideas que obtivemos nesta visita que poden ser extrapolables á nosa cidade", rematou.