Aspiran a captar 12 millóns de euros de fondos europeos para proxectos en Monte Porreiro, A Seca, Valdecorvos e A Parda

Pontevedra
02 de xaneiro 2025

O Ministerio de Facenda xa publicou a convocatoria destas axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o prazo para presentar os proxectos finaliza o día 28 de febreiro de 2025

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot

A Unión Europea puxo en marcha unha nova convocatoria de financiamento para os concellos, denominada Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL), e Pontevedra aspira a captar un máximo de 12 millóns de euros, que tería que completar con outros 8 millóns de fondos propios, para investir en proxectos en Monte Porreiro, A Seca, Valdecorvos e A Parda.

Na Xunta de Goberno Local deste xoves acordaron que o Concello de Pontevedra se presente a esta liña de subvencións.

O Ministerio de Facenda xa publicou a convocatoria destas axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o prazo para presentar os proxectos finaliza o día 28 de febreiro de 2025.

Segundo explicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, "en principio, estamos ben situados porque temos elaborada a Axenda Urbana", un requisito imprescindible, segundo as bases.

Pero, ademais, para optar ás axudas, as entidades locais deberán presentar un Plan de Actuación Integrado (PAI) que concretará o ámbito de actuación a financiar pola axuda e será o verdadeiro instrumento a valorar.

No caso de Pontevedra está a ultimarse a redacción do PAI que recollerá o programa de implementación cos proxectos a executar, o seu enfoque integrado, detalle orzamentario e resultados previstos. Unha vez elaborado trasladarase aos grupos municipais do PP e PSOE para que fagan as súas achegas.

Os proxectos poderán executarse até o ano 2029.

"As actuacións que se financian deben ser en barrios menos favorecidos, desde o punto de vista económico", indicou o alcalde, e centraranse en aspectos como a mellora de espazos públicos e dotación de equipamentos, así como a loita contra o cambio climático.

Entre os proxectos que se presentan a estas axudas atópanse: en Monte Porreiro, a construción do novo pavillón e o acondicionamento da súa contorna, a reforma da Casa de Cultura e a súa contorna, a renovación do Campo de Fútbol e de Rugby e a mellora da Praza de Europa e a parcela do Miradoiro.

No caso da Seca, preséntase a estas axudas a actuación sobre a cuberta do tren, a reforma das vías perimetrales e do barrio.

En canto a Valdecorvos, inclúese a actuación sobre as lagoas reguladoras das inundacións e a mellora da zona verde.

Por último, súmase o novo parque da Parda.