Edificios iluminados de verde para adherirse á campaña nacional sobre a artrite

Pontevedra
01 de outubro 2022

Dita iniciativa enmárcase nas campañas que se desenvolven anualmente organizadas pola Coordinadora Nacional de Artrite e en colaboración coa Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra -ASEARPO- co lema "Outubro, mes da artrite e espondiloartrite"

Fachada do Concello de Pontevedra iluminada de cor verde polo Día da Artrite
Fachada do Concello de Pontevedra iluminada de cor verde polo Día da Artrite / Concello de Pontevedra

Na noite deste sábado ilumináronse en cor verde as fachadas dos hospitais Provincial e Montecelo así coma os edificios institucionais de Pontevedra con motivo da celebración do día 1 de outubro, Día Nacional da Artrite, no marco das campañas que se desenvolven anualmente organizadas pola Coordinadora Nacional de Artrite e en colaboración coa Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra -ASEARPO- co lema "Outubro, mes da artrite e espondiloartrite".

Cómpre sinalar que en Galicia, as enfermidades reumáticas afectan, aproximadamente, a entre un 20% e un 30% da poboación maior de 20 anos e supoñen un dos primeiros motivos de consulta na rede autonómica de Atención Primaria. 

A integración do nivel básico de atención, que garante a continuidade da asistencia ao longo da vida do paciente, cos servizos dos centros hospitalarios para aqueles casos que revisten máis complexidade e necesitan maior capacidade resolutiva é clave para dar unha resposta idónea á poboación.

Na actualidade se coñecen máis de 200 enfermidades reumáticas, con distinta orixe, prognóstico e tratamento. Esta diversidade nas súas manifestacións, unida ao feito de que poden aparecer en calquera idade, supoñen un dos grandes retos aos que debe facer fronte o Servizo Galego de Saúde (Sergas), tanto pola inxente cantidade de recursos sanitarios precisos en todas as etapas da enfermidade, como polo feito de que moitas delas tenden a cronificarse e persistir con distinta intensidade na vida da poboación.