Economía e Industria iniciará conversas co sector para "viabilizar" Alfageme

O Salnés
12 de xaneiro 2013

A Consellería de Economía e Industria asegura que iniciará "en breve" conversacións co sector. Con este diálogo pretenden identificar as opcións que permitan "viabilizar" as instalacións da conserveira e "xerar postos de traballo". Pero as traballadoras non se fían e anuncian novas mobilizacións ante o que entenden como "un futuro incerto".

Alfageme tiña tres grandes marcas: Miau, Peña e Eureka
Alfageme tiña tres grandes marcas: Miau, Peña e Eureka

Alfageme segue sen ter o seu futuro clarificado. A Xunta adxudicouse o pasado mes de decembro as fábricas de Vilaxoán e Ribadumia e a marca Miau tras abonar 780.000 euros na poxa realizada no Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra. Pero desde entón nada se soubo. En todo caso, a Consellería de Economía e Industria asegura que iniciará "en breve" conversacións co sector.

Afirma que unha vez quedou constatado na puxa que non había interese real por parte de ningunha empresa nas naves, a Xunta decidiu "esperar ao fin do prazo de cesión de remate para ter a plena propiedade dos bens e iniciar un proceso de conversacións". Con este diálogo pretenden identificar as opcións que permitan "viabilizar" as instalacións da conserveira galega Bernardo Alfageme e "xerar postos de traballo".

Pero as traballadoras non se fían e anuncian novas mobilizacións ante o que entenden como "un futuro incerto". Segundo Miguel Cuña, portavoz da Confederación General de Trabajadores (CGT), a Consellería ten marxe para chegar a un acordo cunha empresa que estea interesada, como é o caso da firma cántabra El Consorcio. Pero os sindicatos denuncian que "este grupo conservero non recibiu ningunha chamada neste tempo".

"Se tivesen intención de vender xa moverían ficha, El Consorcio está interesado, a venda non se fai en dous días. As instalacións necesitan un mantemento, é incomprensible o que está pasando", sinalou Cuña, quen avanzou que as traballadoras da conserveira concentraranse a próxima semana en Santiago de Compostela para pedir ao conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, "unha explicación".

Neste mesmo sentido, a portavoz do sindicato CIG, Rosa Abuín, explicou que seguen adiante coa idea de presentar unha querela contra o exconselleiro Javier Guerra e o director do Igape, Javier Aguilera. "Se desde o día 20 do mes pasado non se moveron, non van facelo agora, están mentíndonos a todos, na comarca hai 15.000 parados, pódense salvar 140 postos de traballo e non se está facendo".

Arquivado en