'Ecoinnova Poio' preséntase como unha ferramenta para mellorar en aforro e eficiencia enerxética

Poio
03 de decembro 2022

A iniciativa, que promove a concellería de Promoción Económica e Urbanismo, ofrecerá asesoramento individual a demanda para a veciñanza, entidades e empresas que así o soliciten, ademais de actuacións grupais

Luces
Luces / Cristian Ungureanu

Mellorar e optimizar o aforro enerxético é o obxectivo do programaEconinnova Poio, con páxina web propia, unha proposta que pon en marcha a concellería de Promoción Económica e Urbanismo de Poio, que dirixe Gregorio Agís.

A intención é que que esta ferramenta propoña e ofreza medidas que axuden á cidadanía para facer un uso eficiente da enerxía implicando a toda a poboación desde particulares a comunidades veciñais, entidades e empresas de todo tipo.

A través da información que se facilite neste programa de asesoramento será máis fácil entender a factura da luz e aprender os elementos básicos para aforrar no consumo do fogar. 

O servizo individual a demanda será para persoas particulares e entidades que o soliciten neste mes de decembro, época crave no aumento do consumo de enerxía, segundo recoñecía Gregorio Agís.

Tamén estarán previstas dúas sesións grupais, os días 14 e 20 de decembro, de 20.00 a 21.00 horas no Casal de Ferreirós e no Centro de Formación da Reiboa, respectivamente. Na primeira tratarase a factura da luz. As inscricións poden realizarse chamando ao teléfono 625.120.475 ou enviando un correo electrónico a [email protected]

Agís indicou que o Concello reduciu notablemente o consumo enerxético durante os últimos anos cun descenso de preto de 500.000 euros entre 2013 e 2021. Tamén lembrou que a administración local ofrece bonificación no IBI para aqueles inmobles do municipio que se construísen antes de 2007 e que se reformen apostando pola dotación de sistemas de enerxía renovable.