O vindeiro sábado 29 de marzo, Pontevedra será testemuña dun fenómeno astronómico único: unha eclipse solar parcial que escurecerá ata un 30,8% do Sol.
Entre as 10:42 e as 12:37 horas, a Lúa interporase entre o Sol e a Terra. O momento máximo da eclipse producirase ao redor das 11:30 horas.
"Para que se produza unha eclipse, a Lúa ten que estar en fase nova. Teñen que estar perfectamente aliñados o Sol, a Lúa e a Terra. Logo, ao revés, cando están completamente aliñados o Sol, a Terra e a Lúa é cando temos a eclipse de Lúa, que houbo unha hai 15 días", comenta Diana Couselo, coordinadora de actividades da Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra.
A ponte do Burgo acollerá unha actividade de observación organizada polo Concello de Pontevedra e a Asociación Sirio para que todos os cidadáns poidan gozar deste evento con total seguridade.
Dende as 10:00 horas do sábado 29 repartiranse dende dous postos situados en cada un dos extremos da ponte un total de 2.000 lentes especiais homologadas, as chamadas "lentes de eclipse", garantindo que os asistentes poidan mirar o Sol sen pór en risco a súa visión.

Dada a previsión de alta asistencia de pontevedreses, para que ninguén quede sen protección, procurarase distribuír lentes de tal forma que persoas que veñan en pequenos grupos poidan compartilas, turnándose na observación, xa que non se aconsella mirar o Sol máis de 20 ou 30 segundos seguidos coas lentes de eclipse.
Igor Piñeiro, presidente da Asociación Astronómica Sirio, avanza que tamén contarán nun posto colocado no centro da ponte do Burgo con polo menos 10 telescopios equipados con filtros homologados, entre eles dous específicos para a observación solar.
Ademais, tamén achegarán utensilios de fabricación artesá para que nenos e maiores poidan descubrir unha maneira alternativa de gozar destes fenómenos, tales como caixas visores, de proxección ou cámaras escuras, que a asociación astronómica habitualmente utiliza nos seus labores de divulgación.
Integrantes da asociación astronómica estarán en varios puntos da ponte peonil para que o público asistente poida coñecer e manexar estes instrumentos e, especialmente, para informar das medidas de protección que se deben tomar para observar a eclipse con todas as garantías de seguridade.
"Queremos que a xente goce da eclipse, pero sobre todo que o faga de maneira segura", sinala Igor Piñeiro.

O presidente de Sirio incide en que, aínda que o prognóstico de Meteogalicia indica un predominio do sol para a franxa horaria da eclipse, tamén hai posibilidade dalgunha nube alta, "que non nos vai influír en poder observar o sol".
Con todo, alerta de que unha lixeira nebulosidade "pode dar unha falsa sensación de seguridade" de que vai protexernos da radiación e crer equivocadamente que non é necesario usar lentes para ver a eclipse. "É un erro moi grande", insiste Piñeiro.
Explica que, en caso de nebulosidade, "a pupila vaise a abrir pola falta de luz e, o que nos dana, que é o infravermello e o ultravioleta, vai entrar moito máis directo cara á retina, e pode provocar danos perpetuos no ollo".
É o que se coñece como "retinopatía solar", é dicir, unha queimadura por radiación infravermella ou ultravioleta que deixa "unha manchiña negra na túa visión para o resto da vida" ou, nos casos máis graves, cegueira.

CONSELLOS DE SEGURIDADE PARA OBSERVAR A ECLIPSE
A observación dunha eclipse solar pode ser perigosa se non se toman as precaucións necesarias. Dende o Colexio de Ópticos Optometristas de Galicia emitiron unha serie de recomendacións:
- Non mirar directamente ao Sol: Mirar ao Sol sen protección pode causar danos permanentes na retina.
- Usar lentes de eclipse homologadas: Estas lentes reducen a luz solar nun factor superior a 30.000 veces. É importante que cumpran coas normativas de seguridade da Comunidade Europea.
- Non usar métodos caseiros: Non se deben usar lentes de sol convencionais, cristais afumados, radiografías ou espellos para observar a eclipse.
- Proxección segura: Recoméndase proxectar a imaxe do Sol nunha cartolina ou pantalla en lugar de mirar directamente.
- Descanso ao observar: Aconséllase mirar ao Sol durante curtos períodos (máximo 30 segundos) e descansar a vista.
Os integrantes de Sirio, dado que numerosas persoas vanse a concentrar na contorna do río Lérez, tamén alertan de que está totalmente desaconsellado observar o reflexo do Sol na auga durante a eclipse.
Outro aspecto que destacan é que, dado que na ponte do Burgo e contorna non hai sombras para protexerse, sería aconsellable utilizar unha crema de protección solar con factor alto e unha gorra, e prestar especial atención aos nenos.
Este sábado 29, a partires das 10:00 horas, os membros da asociación astronómica, identificados cunha chapa ou un cartón, resolverán calquera dúbida respecto á eclipse solar e como protexerse das radiacións.

TRÍO IBÉRICO
Ao longo dos próximos anos, Galicia terá unha sorte especial á hora de seguir observando este tipo de fenómenos.
Trátase do chamado "trío ibérico", é dicir, tres eclipses solares en tres anos consecutivos.
En agosto do 2026, vivirase o episodio máis espectacular, xa que a Lúa esconderá o 99,58 % do Sol. En 2027, a eclipse solar será do 77% e en 2028 escurecerase o 72% do Sol.
As lentes de eclipseteñen unha validez de tres anos, sempre que non teñan rozaduras e se conserven nun lugar escuro e protexido.
Polo que as lentes que estreemos nesta eclipse de marzo de 2025 poderemos aproveitalas para observar o "trío ibérico", dado que a última eclipse solar de 2028 producirase no mes de xaneiro. Finalizada esta cita, habería que desbotalas.