'Eclair' de paté de Xoubas Gourmet Pescamar

Pontevedra
29 de setembro 2018

Desde as cociñas do Carlos Oroza propóñennos unha suxestiva receita que evoca aos tradicionais petisús co toque salgado que lle aportan as xoubas en aceite de oliva

'Eclair' de paté de Xoubas Gourmet Pescamar
'Eclair' de paté de Xoubas Gourmet Pescamar / CIFP Carlos Oroza

Cada última fin de semana de mes, "A cociña gourmet en conserva" volve ás aulas do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza.

Alumnos e profesores únense para crear unha receita onde os productos gourmet de Conservas Pescamar son os protagonistas.

Nesta ocasión, desde as cociñas do Carlos Oroza propóñennos unha suxestiva receita que evoca aos tradicionais petisús co toque salgado que lle aportan as xoubas en aceite de oliva.

Para preparar esta deliciosa receita de 'Eclair' de paté de Xoubas Gourmet Pescamar, necesitamos os seguintes ingredientes:

- Leite enteiro (150 Gr)

- Auga (100 Gr)

- Sal (2 Gr)

- Azucre (30 Gr)

- Manteiga (80 Gr)

- Fariña frouxa (150 Gr)

- Ovos (200 Gr)

- Queixo fresco (100 Gr)

- Lata de xoubas en aceite de oliva gourmet Pescamar (300 Gr)

- Brotes Varios (cantidade suficiente)

 

Elaboración:

Nun cazo, poñemos auga, manteiga, leite e sal.

Cando rompa a ferver, engadimos a fariña e escaldamos.

Arrefriamos ata que perda un pouco de calor e engadimos aos poucos os ovos. Botaremos os ovos cando a masa estea aproximadamente a 30º e, a continuación, tiras co bico rizado do 13.

Enfornamos a 190º (chan 30/ teito 80) co tiro pechado aproximadamente 10 minutos. Baixamos a 170º. Abrimos o tiro e rematamos de cocer aproximadamente 30-35 minutos.

Con respecto ao paté, o que temos que facer é mesturar o queixo e as xoubas en aceite de oliva gourmet Pescamar, e  trituramos co batedor ata conseguir unha pasta homoxénea.

Unha vez cocido o "eclair" ou petisú, córtase e énchese co paté.

 

Presentación:

Faise un debuxo no fondo do prato cunha maionesa. Colócase o "eclair" enriba, aberto para que se poida ver o paté, e adórnase con brotes ou flores comestibles.