EC Casas iniciará a reforma do barrio do Gorgullón antes de que finalice setembro

Pontevedra
29 de agosto 2018

Nunha Xunta de Goberno extraordinario aprobaba este mércores a adxudicación das obras á empresa pontevedresa, que contará con oito meses para realizar os traballos. O barrio vai ter un tratamento semellante ao empregado na praza do Hospital Provincial co obxectivo de poñer en valor o trazado do Camiño de Santiago nesa zona

Rúa do Gorgullón
Rúa do Gorgullón / PontevedraViva

Unha Xunta de Goberno extraordinaria aprobaba este mércores a adxudicación das obras da Rúa do Gorgullón á empresa pontevedresa E.C. Casas, por un orzamento de 1.258.000 euros mentres que o de licitación superaba a cifra de 1.500.000 de euros. O concelleiro Demetrio Gómez sinalaba que agora se asinará o contrato e a empresa contará cun mes de prazo para presentar o plan de seguridade e saúde. 

Desta forma, o inicio dos traballos nesta zona da cidade sería a finais do mes de setembro, segundo os cálculos do concelleiro de obras. O prazo previsto para o remate sitúase en oito meses. Por este motivo, no goberno local agardan que a rúa se atope reformada na primavera de 2019. A empresa asume as melloras marcadas polo Concello na convocatoria co entroncamento coa avenida da Estación, valorada en 90.000 euros e a mellora do pavimento da banda central da rúa, valorada en 50.000 euros. Este pavimento ofrecerá un tratamento semellante ao da Praza do Hospital cunha plataforma única

O concelleiro insistiu en que esta reforma busca poñer en valor o trazado do Camiño de Santiago e ao mesmo tempo trasladar o modelo de cidade a este punto urbano. Este itinerario quedará sinalado cunha cor e pavimento diferenciado con luces led no chan. O tráfico quedará restrinxido á veciñanza e ao comercio, sen estacionamentos, tal e como sucede en rúas como Michelena e a Peregrina. Está prevista a instalación de nova iluminación, a renovación de servizos e a conexión peonil coa rúa Eduardo Pondal.

A Rúa do Muiño tamén perderá o tráfico rodado actual. Será peonil e contará cunha rampla en forma de  zigzag e escaleiras. Tamén se investirá o sentido de circulación nas dúas vías transversais en dirección a Eduardo Pondal, a de  Moa e Travesía Eduardo Pondal.

Estas actuacións atópanse financiadas a través de Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).