O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presentou este venres o VIDOC, a nova unidade móbil de Documentación da Policía Nacional que valora como "un paso de xigante cara á Administración do século XXI".
VIDOC, acrónimo de Vehículo Integral de Documentación, é unha iniciativa do Ministerio do Interior para deslocalizar a expedición do DNI e o Pasaporte e mellorar o servizo á cidadanía.
A esta presentación, que tivo lugar ante a sede da Subdelegación en Pontevedra, asistiu o comisario provincial, Juan José Díaz, e representantes dos Concellos de Poio, O Grove, Bueu, Sanxenxo, Cambados, Ponte Caldelas, Caldas de Reis e A Estrada, que foron seleccionados pola Policía Nacional para esta primeira fase do servizo.
Así, o vindeiro luns , día 31, as VIDOC estréanse en Poio. O 2 de abril estará no Grove; o día 4, en Bueu; o 7 de abril, en Sanxenxo; o día 9 en Cambados; o 11, en Ponte Caldelas; o 14, en Caldas de Reis e o día 16 de abril nA Estrada.
A provincia de Pontevedra vai contar con dúas VIDOC, adscritas ás Comisarías de Pontevedra e Vigo-Redondela para a atención integral a todo o territorio. Cada un dos vehículos estará atendido por tres funcionarios.
A VIDOC coordinado desde a Comisaría de Vigo comezará a operar despois da Semana Santa.

Os concellos interesados en recibir a visita da VIDOC deberán solicitalo á Comisaría correspondente, onde se estudará cada caso con criterios de dispoñibilidade e proximidade aos puntos xa atendidos.
Os vehículos dispoñen das mesmas funcionalidades que as unidades de documentación, polo que expiden a documentación nun só acto. Ao mesmo tempo será posible actualizar os certificados dixitais do DNI. En cada visita atenderase a un máximo de 40 persoas, dado que o tempo medio de atención a cada cidadán ou cidadá estímase en 12 minutos.
Abel Losada mostrouse convencido do éxito destas "oficinas ambulantes".